En agosto de 2022 a Tanxugueiras nin se lles pasara pola cabeza a posibilidade de ir a Eurovisión. Seis meses despois estaban a competir no Benidorm Fest. A historia pode volver repetirse con outro grupo da nova 'fornada' da música galega: Lontreira.
O trío pontevedrés confirmou que xa están a traballar na canción coa que optarán a participar no Benidorm Fest. Será un tema "por suposto cantado en galego", avanzan os seus integrantes, Rotce (bases e teclado), Adri Coyote (voz) e Iván Barral (guitarra).
Os que coñezan a Lontreira recoñecerán pronto a súa proposta xa que, segundo eles mesmos explican, nela mesturarase tradición e modernidade, fusionando músicas de raíz e sons electrónicos, un dos acenos de identidade desta banda.
Lontreira recoñece que lles "ilusiona moitísimo" entrar na selección de artistas que participarán no terceiro Benidorm Fest. "Eu son moi fan de Eurovisión dende neno", sinala Rotce, polo que estar nesta preselección "ou, xa non che digo nada, en Eurovisión é un dous meus soños".
Aínda que o de presentarse xa o pensaban, os galegos animáronse aínda máis tras comprobar os afagos recibidos tras ser incluídos na enquisa A Elección Interna, que na que cada ano un influente grupo de eurofans sinalan ao seu representante ideal.
De momento, Lontreira xa pasou o primeiro corte e están entre os cen propostas que se votarán neste proceso, para o que se propuxeron 874 bandas e artistas de toda España.
As votacións para escoller aos 24 semifinalistas da Elección Interna están abertas ata o vindeiro domingo 27 de agosto. Para poder votar hai que rexistrarse en eurovision-spain.com.
Tanxugueiras foron, no ano 2022, as gañadoras desta votación entre eurofans, o que lles animou a presentarse ao Benidorm Fest con Terra, canción que as fixo coñecidas en todo o país.