Alvarellos Editora publicará en formato libro un manuscrito do poeta compostelán Aurelio Aguirre que localizou no Arquivo Documental do Museo de Pontevedra. Está composto de 50 poemas, na súa maior parte inéditos, que están datados no ano 1857. Precisamente este martes 23 de abril, Día do Libro, cúmprese o 180 aniversario do nacemento do poeta.
O manuscrito leva por título Recuerdos de agosto e recolle os poemas compostos por Aguirre en Vigo, cidade á que se trasladou trala controversia xurdida pola súa intervención no famoso Banquete de Conxo celebrado en Santiago en 1856 tralo levantamento de dous anos antes.
Parte dos poemas son totalmente inéditos e outros foron publicados na prensa da época ao pouco despois do falecemento do autor, polo que non volveron ser editados. Outras composicións son coñecidas, como é o caso do 'Brindis' do Banquete de Conxo, aínda que nunha versión distinta á que se cría orixinal.
O manuscrito de Aguirre fora adquirido a un particular polo Museo de Pontevedra en 1987 dentro dunha importante colección. A compra foi a primeira efectuada sendo Carlos Valle director do Museo e nela tivo tamén unha decisiva intervención Antonio Odriozola.
A peza, que suliña a extraordinaria importancia dos fondos depositados no Museo de Pontevedra, será agora editada en tipografía por Alvarellos Editora, unha vez verificado que a letra do manuscrito corresponde á autoría de Aurelio Aguirre, quen fora denominado "o Espronceda galego" e mantivera unha fonda amistade personal e literaria con Rosalía de Castro, Pondal e Manuel Murguía antes da súa prematura morte na Coruña en xullo de 1858, cando tiña 25 anos.
A profesora da Universidade de A Coruña Olivia Rodríguez-Tudela preparará a edición crítica de 'Recuerdos de agosto', nun volume que contará coa colaboración do filólogo Xurxo Martínez González. A obra pasará a integrar a Colección Rescate de Alvarellos Editora.