Localizan en Pontevedra dous cadros procedentes dun espolio nazi en Polonia

Pontevedra
11 de decembro 2020

Un Ecce Homo e unha Dolorosa. Son os dous cadros do século XV, do pintor flamenco Dieric Bouts, que o Museo de Pontevedra devolverá a Polonia. Farao tras comprobar que estas obras, que orixinalmente formaban un díptico, proceden dun espolio da Alemaña nazi

Cadros de Dieric Bouts expoliados polos nazis en Polonia
Cadros de Dieric Bouts expoliados polos nazis en Polonia / PontevedraViva

Un Ecce Homo e unha Dolorosa. Son os dous cadros do século XV, do pintor flamenco Dieric Bouts, que o Museo de Pontevedra devolverá a Polonia. Farao tras comprobar que estas obras, que orixinalmente formaban un díptico, proceden dun espolio da Alemaña nazi.

Os cadros pertencen á colección da familia Czartoryski. Tras a invasión alemá en Polonia en 1939, o herdeiro destas pezas de arte e a súa esposa, a princesa María de los Dolores de Borbón-Dúo Sicilias e Orleáns, trataron de salvar as obras máis destacadas.

Ocultáronas nos sotos do museo de Cracovia e detrás dos muros dunha das súas propiedades. Pero mentres trataban de fuxir do país foron arrestados e os nazis descubriron os seus agochos. Aínda hoxe máis de 800 obras de arte continúan desaparecidas. Así o referencia a historiadora María Díaz.

Ambas as pinturas, tras saír de Varsovia en 1944, reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973.

A través dunha chamada desde o Ministerio de Cultura polaco, a finais do pasado mes de marzo, os responsables do Museo de Pontevedra comprobaron que dúas destas obras formaban parte dos seus fondos. Estaban custodiadas nos seus almacéns.

Os cadros eran da colección de José Fernández López que, ao parecer, adquiríraos en galerías especializadas de Barcelona ou Madrid a mediados dos 70. "Descoñecemos onde e en que momento foron adquiridas, pero todo parece indicar que puido telo feito nun dos establecementos da familia Maragall, a Sala Parés de Barcelona ou a Galería El Cisne de Madrid, das que era cliente habitual", abondou o director.

Tras anos en depósito no museo pontevedrés, os seus responsables compraron toda a colección -unhas 313 pezas de arte- en 1994 por uns 600 millóns de pesetas. Xa entón houbo quen alertou que, probablemente, estas dúas obras de Dieric Bouts, principal representante da Escola de Lovaina, procedesen dalgún saqueo. Pero refugouse a idea porque a orixe dos cadros estaba perfectamente documentado.

A falta do informe pericial sobre este díptico, que está a elaborar Ana María Dieguez, especialista en pintura flamenca e directora do Instituto Moll, os responsables do Museo de Pontevedra cren que non hai dúbida de que son os mesmos cadros reclamados por Polonia.

"A semellanza formal coas fotos é evidente", explicou o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, que detallou que o marco dos cadros tamén é "moi característico" e coinciden coas referencias bibliográficas que hai sobre estas obras.

Ante esta situación, a institución pontevedresa iniciou os trámites para proceder á súa devolución. Un dos primeiros pasos foi dirixirse ao ministerio de Cultura español, que debe autorizar a saída destas obras do país.

Desde o museo recoñecen estar "sumamente contentos" de poder contribuír á "reparación histórica" dun espolio, segundo destacou o responsable político do museo e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera.

"É un orgullo poder devolver obras que proceden dunha orixe moi escura", asegurou, especialmente cando, engadiu Mosquera, o Museo adquiriunas "de boa fe" e descoñecendo por completo a súa procedencia orixinal.

Antes de devolvelas a Polonia, o Museo de Pontevedra expoñerá estes dous cadros ao público por última vez. Serán as pezas principais dunha exposición que, á volta do nadal, abordará os espolios rexistrados por mor de conflitos bélicos.