As profesionais do audiovisual Jaione Camborda, Lidia Fraga e Nati Juncal son as gañadoras da cuarta edición dos premios Mulleres no Foco, entregados este xoves no auditorio da sede de Afundación de Pontevedra.
Un certame promovido pola Deputación e a Asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais (CIMA) que ten o obxectivo de dar visibilidade ao papel da muller no sector do audiovisual.
A cerimonia de entrega destes galardóns estivo amenizada coa música das Tanxugueiras.
Contou coa participación do presidente da Deputación, Luis López, así como das tres gañadoras destes galardóns e a asistencia das catorce nomeadas. Ademais, estiveron presentes na gala os conselleiros de Cultura, José López Campos; e de Política Social e Igualdade, Fabiola García; e membros do goberno provincial, alcaldes dos concellos da provincia e representantes do sector audiovisual encabezados por Beatriz Mbula, directiva de CIMA.
Na súa intervención o mandatario provincial destacou o labor, tanto a prol do audiovisual como da igualdade, que as catorce nomeadas levan facendo ao longo da súa carreira.
A cerimonia de entrega destes cuartos premios Mulleres no Foco, que repartiu tres premios dotados con 5.000 euros cada un, comezou arredor das 19 horas deste xoves 30 de xaneiro coa recepción dos asistentes no vestíbulo da sede Afundación no que a compañía Pablo Méndez Performance levou a cabo un espectáculo.
Xa no interior do auditorio, deu comezo unha gala que estivo conducida por Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro, e contou coa intervención inicial de Beatriz Mbula.
Despois da proxección dun vídeo sobre las catorce nomeadas aos premios e dunha nova actuación das Tanxugueiras, deu comezo a entrega de premios.
O primeiro recibiuno Lidia Fraga de mans de Beatriz Mbula, o segundo entregoullo a Nati Juncal a conselleira de Igualdade, Fabiola García; e o terceiro deullo o presidente Luis López á cineasta Jaione Camborda.
A gala rematou co discurso do mandatario provincial e a interpretación dunha nova peza a cargo das Tanxugueiras.
