Libro xigante de e para xente miúda

Pontevedra
08 de abril 2016

Unha das actividades máis novidosas do XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra é a creación do primeiro libro xigante de Galicia. Elaborouse durante a primeira fin de semana do salón e presentouse en sociedade este venres. Na elaboración participaron oito debuxantes e 43 nenos

Víctor Rivas entrega o Libro Xigante a Anxos Riveiro
Víctor Rivas entrega o Libro Xigante a Anxos Riveiro / Mónica Patxot

Un libro feito por xente miúda para xente miúda, pero de tamaño xigante. Este é o resultado dunha das actividades máis novidosas do XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a creación do primeiro libro xigante de Galicia. Elaborouse durante a primeira fin de semana do salón e presentouse en sociedade este venres. 

O ilustrador e director do I Libro Xigante, Víctor Rivas, entregou esta publicación á concelleira de Cultura de Pontevedra e responsable do Salón do Libro, Anxos Riveiro, nun acto no Pazo da Cultura.

Na elaboración do libro participaron oito debuxantes e 43 nenos, os cativos escribindo historias e os debuxantes ilustrándoas. Esta actividade xa se celebrou con anterioridade en diversos lugares, tomando o director desta versión galega como referencia a actividade de La Festa del Llibre Xegant d' Alpicat, organizado por Marçal Abella na localidade da provincia de Lleida.

I Libro Xigante, dirixido por Víctor Rivas e coordinado por Esther Vázquez, contou coa colaboración de ilustradores como Aida Alonso, Michel Casado, Inés Casarejos, Laura Comesaña, Molita, Samagarú y Zirta. Como corrector de galego, Charlie Casado; e como axudantes e rotulistas, Marta Rivas e Paula García. Colaboraron Edicións Xerais de Galicia e o grupo de ilustradores de Pontevedra Inkelarre!