O Día do Libro celebrouse na Lama dun xeito ben especial. Preto de 250 nenos e nenas dos colexios de Carballedo (Cerdedo-Cotobade), A Lama e Fornelos de Montes participaron nunha actividade lúdica e de animación á lectura.
"Letras na Praza" foi un encontro cultural organizado polo colexio do municipio e o Concello da Lama, a través da Axencia de Lectura e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).
Desde primeira hora da mañá foron chegando en autobuses os nenos e nenas á Alameda, lugar onde estaban xa instalados as casetas e os espazos de xogos e animación á lectura.
As actividades fóronse sucedendo animadas polas cancións interpretadas coa súa guitarra polo director do CEIP da Lama, Rafael Sánchez-Agustino, para logo dar paso á actuación estelar de Cè Orquestra Pantasma co seu espectáculo.
Ata o lugar achegáronse numerosas autoridades, entre elas o novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o director xeral de Cultura, Anxo Lourenzo; ou os alcaldes da Lama e Cerdedo-Cotobade, David Carrera e José Cubela.