Leiva, The Horrors, Asian Dub Fundation ou Aterciopelados, novas 'fichaxes' do Portamérica

Umia
11 de abril 2017

A sexta edición do festival Portamérica, a primeira que se celebrará na carballeira de Caldas de Reis, promete ser antolóxica. Os seus organizadores están a reunir un cartel de primeiro nivel, composto por bandas e artistas recoñecidos polo público, que subirán aos seus dous escenarios os días 13, 14 e 15 de xullo

Leiva, nunha imaxe promocional do seu último disco
Leiva, nunha imaxe promocional do seu último disco

A sexta edición do festival Portamérica, a primeira que se celebrará na carballeira de Caldas de Reis, promete ser antolóxica. Os seus organizadores están a reunir un cartel de primeiro nivel, composto por bandas e artistas recoñecidos polo público, que subirán aos seus dous escenarios os días 13, 14 e 15 de xullo.

Así, tras un primeiro avance, o festival desvelou o nome de nove fichaxes máis. Trátase de Leiva, The Horrors, Asian Dub Fundation, Aterciopelados, Instituto Mexicano del Sonido, Zuco 103, Yall, Carlos Jean e Igloo.

Todos eles únense a Xoel López, Iván Ferreiro, Nenos Mutantes, Depedro, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Ángel Stanich, Carlos Sadness e Rufus T. Firefly.

Ademais, tamén estarán en Caldas os brasileiros BNegão & Seletores de Frequência, os arxentinos Indios e Illya Kuryaki & the Valderramas, os venezolanos Amigos Invisibles, o ecuatoriano Mateo Kingman, os mexicanos Porter e Siddartha, os estadounidenses Orkesta Mendoza e os españois Kase O e Montefusco.

A organización asegura que pronto desvelará o resto do cartel.

Xunto a estas confirmacións, o festival Portamérica presentou xa a repartición por días das bandas e artistas cuxa participación é segura e que se pode consultar no seu cartel.

As entradas para o festival xa están á venda a un prezo de 25 euros por día. O abono para os tres días custa 45 euros máis gastos de distribución.