'Leira', da compañía Nova Galega de Danza, acicate para celebrar o Día Mundial da Danza en Vilagarcía

O Salnés
26 de abril 2023

O espectáculo vai desenvolverse durante o sábado 29 de abril no Auditorio Municipal. Tamén o alumnado da Escola de Danza Perla de Arousa interpretará varias coreografías na Praza da II República durante a tarde desa mesma xornada

'Leira', de Nova Galega de Danza
'Leira', de Nova Galega de Danza / Nova Galega de Danza

O 29 de abril conmemórase o Día Mundial da Danza e o Concello de Vilagarcía festexará con dúas actividades de difusión desta actividade artística.

Desta forma, alumnado da Escola Perla de Arousa realizará unha actuación de danza na rúa. Está prevista a partir das 17.00 horas na Praza da II República. Alí exhibiranse varias coreografías con propostas que traballan durante as clases.

O auditorio pasará a ser o escenario durante a noite do espectáculo compañía Nova Galega de Danza, que poñerá en escena a montaxe 'Leira', dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. 

Nesta acción escénica o corpo e a terra ofrécense como protagonistas e os intérpretes ofrecerán imaxes que recollen a beleza dos labores do campo coa muller no centro da conexión telúrica. O espectáculo ofrece os movementos de corpos que cargan e arrastran arados e ferramentas de labranza coa intención de mostrar a Galicia intemporal e máxica.

'Leira' representarase o sábado a partir das 20.00 horas. As entradas para o espectáculo pódense adquirir por cinco euros, máis gastos de xestión, en Ataquilla.

O mesmo día da función tamén se poderán comprar as entradas no despacho de billetes do Auditorio a partir das 18.00 horas. Para maiores de 65 anos, desempregados e posuidores do carné novo, o prezo redúcese a 3 euros coa obriga de presentar a condición de beneficiarios no control de acceso.