A pesar da chuvia, Ponte Caldelas converteuse por un día en capital galega da arte rupestre con diversas actividades que tiveron como eixo fundamental a área arqueolóxica de Tourón. Foi a proposta que trasladou á vila o ciclo cultural Monumenta.
Os actos, moi condicionados pola adversidade climatolóxica, iniciáronse cunha visita ao centro de interpretación da arte rupestre existente en Tourón onde a técnica municipal María Regueira introduciu aos asistentes a esta actividade sobre as orixes do asentamento así como o medio de vida dos primeiros habitantes destas terras.
A través de diversos paneis, María Regueira foi explicando ao público as diversas técnicas empregadas polos habitantes prehistóricos de Tourón para facer os seus gravados así como as posibles interrelacións das figuras que representaban cos astros ou o misterioso mundo das crenzas.
Posteriormente, os asistentes saíron ata o exterior da aula de interpretación e o comisario de arte contemporánea Ángel Cerviño trazou un paralelismo entre a arte rupestre prehistórica dos petróglifos de Tourón cos movementos hippies ou do pop art que durante os anos 60 e 70 abondaron en Norteamérica.
Finalmente, tomou a palabra o musicólogo Carlos Suárez quen foi encargado de establecer unha relación entre a arte e a música a través de instrumentos comúns da época como os arcos de caza ou a arpa eólica que, por mor do mal tempo, non puido ser activada durante a vista debido á humidade existente no ambiente.
Unha vez rematadas estas exposicións os asistentes dirixíronse ao colexio Cordo Boullosa onde no salón de actos asistiron ao concerto de Leilía que estaba previsto que tivera lugar nunha explanada da área arqueolóxica de Tourón, pero a intensa chuvia obrigou a mudar o escenario natural polo centro educativo.
Leilía colleitou un éxito rotundo interpretando os temas máis coñecidos do seu repertorio que foron aplaudidos con intensidade polo numeroso público que abarrotou por completo o salón de actos do colexio Cordo Boullosa.
Tras finalizar o concerto, os amantes da arte rupestre realizaron unha visita nocturna ao parque arqueolóxico da man dos arqueólogos Santiago Vázquez Collazo e Pablo Martínez Alemparte, que explicaron a relación entre os gravados e as constelacións e as estrelas do firmamento.