Leilíaestá a realizar durante os últimos meses a súa xira de despedida e o Culturgal, a Feira das Industiras Culturais Galegas, será unha das últimas citas co público desta histórica banda.
A actuación está prevista para o sábado 2 de decembro ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra no marco da programación do Culturgal.
Tras máis de trinta anos sobre os escenarios, as pandereteiras Ana Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Rosario Rodríguez, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez ofrecerán un espectáculo musical no que realizarán un repaso á súa exitosa traxectoria dentro do folk do país.
Leilía está considerada como unha das bandas pioneiras na transformación da situación da música de tradición oral en Galicia recuperando e dignificando a figura das bandas para traballar co patrimonio cultural que se foi pasando de xeración en xeración a través da música. Trátase dunha formación referente para Tanxugueiras, Baiuca ou Fillas de Cassandra, entre outros artistas xurdidos nos últimos anos.
As entradas para o concerto xa están en venda anticipada a un prezo de 16 euros, a través da web de Culturgal. En despacho de billetes o prezo será de 19 euros.
A programación completa do evento que se desenvolverá a principios do mes de decembro no Recinto Feiral está prevista para o xoves 16 de novembro.