Este venres 8 de novembro, o Museo de Pontevedra inaugura a esperada exposición antolóxica 'José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis', un tributo ao artista nado en Bueu en 1925, quen deixou unha pegada indeleble na escena artística galega antes do seu falecemento en 2017 en Pontevedra.
A mostra, que se estenderá até o 19 de xaneiro de 2025, reúne 38 obras, entre óleos e debuxos, provenientes de coleccións particulares, e tan só un cadro procedente do Museo Massó.
En todos eles destaca a mestría de Otero Baena no uso da cor e a súa particular interpretación da paisaxe e a vida da súa contorna.
O vicepresidente da Deputación Provincial, Rafa Domínguez, salientou a relevancia de dar visibilidade aos artistas locais. "Otero Baena representa a esencia do mar galego, e a súa habilidade para capturar a luz nas súas obras é verdadeiramente espectacular", declarou durante a visita á mostra, na véspera da súa apertura ao público.
A comisaria da exposición, Beatriz de San Ildefonso, resaltou o compromiso de Otero Baena coa súa contorna: "A súa pintura é un testemuño dun patrimonio en perigo de extinción. Dende os seus primeiros traballos, reflectiu a tradición pesqueira e a paisaxe de Bueu", un aspecto que se aprecia en obras como 'Dornas'.
Explicaba De San Ildefonso que a técnica do pintor bueués "evolucionou rapidamente ao uso exclusivo da espátula, deixando atrás o pincel para crear unha textura única", engadía. De aí o subtítulo da mostra: 'Un pintor sen pinceis'.
"Era un pintor sen pinceis e sen ego, tamén", manifestaba a súa filla Marta Otero García, en relación ao carácter "modesto e tímido do artista", pouco dado ás mostras públicas porque "el gozaba pintando".
Tamén presente neste paseo pola obra do artista, quixo recoñecer o papel da súa nai, Celia García Villar, na xestación da obra de Otero Baena.
"Chela", que é como era coñecida, "igual que o meu pai, que en Bueu era só Pepé", matiza Marta, foi un piar fundamental na vida do pintor, permitíndolle dedicar tempo á súa arte mentres ela se ocupaba do coidado dos once fillos da parella.
Resalta que sen a dedicación e o sacrificio da súa nai, a prolífica produción do artista non sería posible. "Animáballe para ir aos faladoiros artísticos; collía a vespa, ía a Cangas e de aí o barco a Vigo, ao café Derby; e en Pontevedra viña ao Savoy", comenta.
Marta atópase en pleno proceso de catalogación da obra do seu pai, cunha listaxe que na actualidade abarca 260 cadros. "Desta lista, temos a fotografía de 6 ou 7 obras que non sabemos o seu paradoiro. Entón, eu creo que esta exposición tamén nos pode servir para ver se, unha vez que se dá a coñecer, aparezan máis obras".
Das 39 que compoñen esta exposición, a filla de Otero Baena escolle o cadro 'Ameneiro'. Lembra como, nun Día de Reis dos seus últimos anos, o seu pai ofreceulle a cada un dos seus fillos a oportunidade de seleccionar, como agasallo, un cadro do seu estudo.
Ela chegou en último lugar e atopouse por azar con esta obra, que o seu pai, cunha chiscadela cómplice, confesoulle que intuía que estaba destinada a ela. Para Marta, esa árbore, un aliso cheo de texturas e vida, simboliza "a síntese de toda a súa obra".
Exposición "José Benito Otero Baena, un pintor sen pinceis"
Exposición "José Benito Otero Baena, un pintor sen pinceis"
Exposición "José Benito Otero Baena, un pintor sen pinceis"
Exposición "José Benito Otero Baena, un pintor sen pinceis"
Exposición "José Benito Otero Baena, un pintor sen pinceis"
Beatriz de San Ildefonso, Rafa Domínguez e Marta Otero na exposición "José Benito Otero Baena, un pintor sen pinceis"
Exposición "José Benito Otero Baena, un pintor sen pinceis"
Exposición "José Benito Otero Baena, un pintor sen pinceis"
Marta Otero posa co cadro 'Ameneiro' do seu pai José Otero Baena
Exposición "José Benito Otero Baena, un pintor sen pinceis"