Ledicia Costas presenta a súa última obra na xornada final dunha exitosa edición da Festa dos Libros

Pontevedra
07 de xullo 2024

A Festa dos Libros que se desenvolve na Praza da Ferrería conclúe este domingo 7 de xullo cunha xornada cargada de actividades e a presenza de notables escritoras e escritores. A Festa permanecerá ata as 21.15 horas coa actuación do trío Muzikanti Balishnik 

Festa dos Libros 2024
Festa dos Libros 2024 / Festa dos Libros

Este domingo 7 de xullo conclúe a Festa dos Libros 2024cun balance positivo ao converterse nun evento cultural referente para a cidade e para as librerías do municipio.

Durante estas tres xornadas rexistrouse un elevado volume de vendas e afluencia de público, que participa tamén nas actividades da carpa situada na Praza da Ferrería.

Nesta última xornada a actividade iníciase ás 11.30 horas coa presentación do novo libro-disco de Paco Nogueiras dedicado aos animais máis próximos.

Ás 12.30 horas desenvólvese un debate literario ao redor da figura da escritora Luisa Villalta, autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas.

Tamara Andrés, escritora e investigadora, modera este acto no que participan Montse Pena, Mercedes Queixas,  Montse Dopico e Xurxo Souto.

A Librería Cao organiza durante a sesión matinal unha quedada de Urban Sketchers, comunidade global dew debuxantes que practican debuxo.

Tamén se realiza de 12.00 a 13.30 horas un Cafeciño & Draw para degustar un café debuxando coas ilustradoras Nuria Díaz, Mariña Rey Noya e Laura Tova.

A Librería Seijas organiza unha actividade no seu posto coa ilustrador e libreira Alba Blanco cunha actividade creativa destinada a vinte persoas.

Durante a tarde, a partir das 18.15 horas, Ledicia Costas presentará 'Pel de cordeiro', a súa última novela na que profunda no espertar sexual, na violencia e na maxia. 

A escritora viguesa manterá unha charla ás 19.15 horas coa tradutora Cristina Sánchez-Andrade, galardoada co premio de literatura Sor Juana Inés de la Cruz da Feira Internacional do Libro de Guadalaxara (México).

Laura Portas, Alba Guzmán Falcón e María Alonso Seisdedos continuará a xornada cun encontro titulado 'A primeira vez' con estas autoras que debutan neste xénero literario.

Ao longo da xornada asinarán libros nos distintos postos autores como  Eric Dopazo, Marita Muñiz, Marita Muñiz, Milena Martínez Basalo, Rober H.L. Cagiao, Guillermo García de la Riega Bellver, Marc Taeger, Rena Ortega, María Montes, Nuria Díaz, Ledicia Costas, Isabel Peleteiro, Berta Dávila e Carlos Meixide, Federico Limeres, Esther Domínguez, Miguel Conde-Lobato, Irasema Pino, Laura Tova, Alba Chan e Ene, Antón Riveiro Coello, Iria Aldegunde, Ignacio Hernández, Celestino Viéitez, María Sotelo, Mariña Rey Noya e Laura Portas.

O colofón á Festa dos Libros chegará ás 21.15 horas coa actuación do trío Muzikanti Balishnik con músicas do leste de Europa.