Ledicia Costas e Amaro Ferreiro experimentan no Museo coa palabra, a música e a luz

Pontevedra
20 de decembro 2023

Unha experiencia artística única é a que viviu o público que se achegou este mércores ata o auditorio do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra para gozar con Ultraluz, un espectáculo que mesturou a poesía da escritora Ledicia Costas e a música de Amaro Ferreiro

Espectáculo "Ultraluz" de Ledicia Costas e Amaro Ferreiro / Mónica Patxot

Unha experiencia artística única é a que viviu o público que se achegou este mércores ata o auditorio do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra para gozar con Ultraluz, un espectáculo que mesturou a poesía da escritora Ledicia Costas e a música de Amaro Ferreiro.

Neste espectáculo, que partía do poemario co que a escritora gañou en 2022 o XX Premio de Poesía Afundación, ambos artistas estableceron un diálogo artístico no que experimentaron coa palabra, a música e a luz para buscar novas posibilidades artísticas.

Deste xeito, xuntos crearon unha viaxe sensorial máxica, un espectáculo delicado, sorprendente e memorable con ambientes e texturas electrónicas, piano e guitarra eléctrica, para converter os poemas nun experimento de palabra falada e música atmosférica.

Non se tratou, polo tanto, nin dun recital de poesía, nin dun concerto ou dunha performance, senón da adaptación do libro ao escenario nun xeito diferente de contar a historia.