Os primeiros acordes resoan xa polas rúas de Pontevedra. Todo está a punto para o comezo do XXI Festival Internacional de Jazz e Blues, un evento que traerá á cidade, de forma gratuita, as actuacións de primeiras figuras de ambos estilos musicais, tanto galegas como internacionais. Desde este mércores e ata o próximo 22 de xullo, os amantes do jazz e do blues teñen unha cita obrigada na Praza do Teucro e a Praza da Ferrería.
Last Minute Experience serán os encargados de inaugurar o festival. Será ás 22.30 horas na Praza do Teucro. Trátase dunha formación liderada polo batería coruñés Carlos López. Moitos a sinalan como unha das referencias do jazz galego. Ofrecerán en Pontevedra unha atractiva fusión co espírito blues do festival e estarán acompañados por ritmos urbanos a cargo de Escandaloso Xpósito, unha das estrelas do hip hop nacional.
Incorporando ao seu habitual tecido jazzístico correntes como o Dub Step, o Drum & Bass, o Hip-Hop e o funk, presentarán Low Cost Generation. Este terceiro disco ofrécenos unha lectura atractiva e vangardista da crúa realidade que nos toca vivir. Reunido polo baterista e compositor Carlos López, o trípode formado xunto ao pianista Oscar da Graca e o trompetista Voro García tende unha vez máis unha ponte entre a súa impecable formación e o sentir dunha etapa convulsa na que a rúa ten a urxencia de expresarse.
A formación viuse engrosada pola estrela do hip hop nacional Escandaloso Xpósito, colaborador habitual de Kase'O Jazz Magnetism e polo baixista David González, ademais de contar co talento doutros habituais da casa como o DJ Panko, Scratcher de Ojos de Brujo e MC Stormy, curtido na escena underground londinense.
Será o concerto de peche da primeira xornada do XXI Festival Internacional de Jazz e Blues, que ofrecerá tamén na súa apertura un obradoiro impartido por catro recoñecidos músicos internacionais: Philip Dizack, Eden Landin, Concoran Holt e John Davis. Será ás 11.00 horas no antigo conservatorio de música na rúa Alfonso XIII. A el sumarase a proposta de Jazz pola rúa, que amenizará as rúas do Centro Histórico ás 12.30 e 20.00 horas.
ALBERTO VILAS QUINTETO, O XOVES
Xa o xoves, tamén na Praza do Teucro ás 22.30 horas, será a quenda de Alberto Vilas Quinteto. Presentarán o seu primeiro traballo discográfico, chamado Experianza. O pianista redondelán Alberto Vilas lidera un proxecto no que se combinan os arranxos coa improvisación, e no que a achega persoal de cada un dous membros do quinteto é fundamental para conseguir o particular son do grupo.
Todos eles posúen unha ampla formación en conservatorios e escolas de jazz, con experiencia na maioría dos estilos musicais, dende o blues ao rock, do folk ao funk ou do clásico ao tango.
O quinteto é música improvisada, espontánea e é posiblemente isto o punto en común que atrae a cada un dous seus compoñentes a subirse xuntos sobre un escenario sen telo todo previsto, sen saber con certeza que é o que vai suceder musicalmente falando. ÿ o xeito de gozar facendo música colectiva e improvisada, do que darán boa conta neste concerto.