La Oreja de Van Gogh, Tanxugueiras, Rozalén, Ginebras, Álvaro de Luna ou Rayden serán os cabezas de cartel dun SonRías Baixas que volverá a Bueu os días 1, 2 e 3 de agosto, combinando a mellor música en directo, a gastronomía local e unha contorna natural privilexiada.
Esta edición, segundo a organización, pretende ser unha "gran aposta" por tratar de cambiar a tendencia da propia industria musical, apostando por un forte protagonismo das bandas lideradas e formadas por mulleres como os grandes atractivos do festival.
Seguirán, iso si, contando coa presenza dos principais nomes da escena galega, entre eles Fillas de Cassandra, Mondra, Sabela ou The Rapants.
A todos estes nomes súmanse os de Chef’Special, La La Love You, Anabel Lee, Cool Nenas, Emlan, Gilipojazz, Inés Hernand, La Élite, Morochos, Mr. Kilombo, Muerdo, Sexy Zebras e Travis Birds, buscando ser un altofalante para coñecer novas propostas musicais.
Co cartel xa desvelado, o festival activa tamén a venda de abonos, que estará dispoñible a partir deste xoves 1 de febreiro ás 12 da mañá dende a web do festival, www.sonriasbaixas.info, e a través da plataforma Enterticket.es.
Os 500 primeiros compradores poderán obter as súas entradas por 45 euros máis gastos de xestión.
Como adianto ao que será esta nova edición do SonRías Baixas, o festival confirma que manterá os seus xa característicos dous escenarios, evitando solapar concertos e buscando que todo o mundo poida gozar e coñecer todas as propostas musicais programadas.
Ademais, manteñen os prezos de venda de anteriores edicións, lanzando consigo unha promoción de precarga de pulseiras cashless polo cal se á hora de comprar o abono cargas a pulseira para consumir no festival, o público recibirá a maiores un 10% do cargado de balde.
Por último, avanzan que proximamente darán a coñecer os detalles da acampada, que estará situada a escasos 150 metros do propio festival e da praia.