Kiki Morente abrirá o ciclo 'Resoan' de cinco concertos "crossroad"

Pontevedra
19 de marzo 2025

Tras o recital do fillo de Enrique Morente, continuarán os concertos con Rodrigo Cuevas, A Banda da Loba, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, para concluír con Abraham Cupeiro

Kiki Morente
Kiki Morente / @Kiki Morente

A música volverá soar con intensidade propia en Pontevedra grazas ao ciclo Resoan, unha proposta cultural que traerá á cidade do Lérez artistas de primeiro nivel nun "cruce de camiños musicais a través da estética, as paisaxes sonoras, o tempo e o territorio".

Así o presentou hoxe o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, para desvelar a programación deste ciclo que se desenvolverá entre marzo e maio.

Desenvolverase ao longo das vindeiras semanas, até maio, en tres espazos distintos: o Teatro Principal, o Auditorio do Pazo da Cultura e o Recinto Feiral, que se recupera como espazo musical para actuacións maiores", explicou o edil.

Engadiu que as entradas xa están á venda a través de Ataquilla, agás no caso de Rodrigo Cuevas, cuxos billetes se poden adquirir en Woutick.

Gómez empregou a palabra "crossroads" (cruce de camiños) para definir a esencia de Resoan, xa que "a programación enteira atravesa camiños dun lado cara outro para facer cousas novas e sorprendentes".

O ciclo arrancará este sábado 22 de marzo ás 21:00 horas no Teatro Principal con Kiki Morente, quen presentará a súa xira "Azabache".

O concelleiro destacou que o artista, "de longa tradición de cantaores e guitarristas, fillo de Enrique Morente", recolle nos seus discos o legado do flamenco clásico pero tamén incorpora referencias a Dulce Pontes, Leonard Cohen ou Pat Metheny.

O 12 de abril será a quenda de Rodrigo Cuevas, quen ofrecerá o seu espectáculo "La Romería" no Recinto Feiral ás 19:00 horas.

Segundo explicou Demetrio Gómez, o artista asturiano "mestura tradición coa electrónica, xoga coas linguas, cos xéneros das persoas" e "fixo un esforzo moi grande por vir a Pontevedra, coa que mantén unha relación moi longa". Para este concerto, que está a ter unha gran demanda, poranse á venda unhas 4.000 entradas.

Desde a organización do ciclo destacaron que o Recinto Feiral contará cun "traballo especial de insonorización" mediante "mantas acústicas de neopreno que non se montaron nunca para que soe o mellor posible, case mellor que calquera recinto".

Actuación de Rodrigo Cuevas no Pazo da Cultura
Actuación de Rodrigo Cuevas no Pazo da CulturaCristina Saiz

A Banda da Loba presentará o seu "Lovísmo" o venres 2 de maio ás 21:00 horas no Teatro Principal. Será a terceira actuación da súa xira, na que recollen "o mellor da tradición galega das cantareiras" combinado con "rock and roll e pop".

O sábado 10 de maio, tamén ás 21:00 horas no Teatro Principal, actuarán Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, nunha homenaxe ás pandereteiras, ás que se dedica este ano o Día das Letras Galegas.

O ciclo pechará o sábado 24 de maio ás 20:30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura con Abraham Cupeiro e o seu espectáculo "Loira".

Demetrio Gómez destacou que este artista, que recentemente actuou no partido Celta-Barcelona en Balaídos, "con eses instrumentos que se recollen na noite dos tempos para crear novas musicalidades".

Demetrio Gómez presenta o ciclo Resoan
Demetrio Gómez presenta o ciclo ResoanPontevedraViva

GALEGOTE ROCK

Preguntado sobre a suspensión do Galegote Rock para este 2025, o concelleiro de Cultura explicou que se trata dun aprazamento: "Este ano temos moitísima programación. Podemos tomar un ano de reflexión para o Galegote e recuperalo dentro dun ano".

Gómez adiantou que o festival, que naceu como "un proxecto de Normalización Lingüística", podería experimentar cambios no seu enfoque, aínda que sen perder "o carácter de fomentar a lingua galega".

Así, abriu a porta a estudar a participación de artistas "que non empreguen a palabra ou músicos do norte de Portugal" en vindeiras edicións.

O concelleiro concluíu a súa intervención destacando que o ciclo Resoan representa "un esforzo para que a música galega soe nos espazos" da cidade.