Kase.O, Rayden, Arnau Griso, Buhos, García Mc e Balkan Paradise Orchestra actuarán no SonRías Baixas 2022

Bueu
27 de decembro 2022

O festival regresa o 4, 5 e 6 de agosto en Bueu en proposta de grande formato e avanza xa as primeiras confirmacións do seu cartel e activa este mércores 29 a venda dun número limitado de abonos 

García Mc con Nación Quilombo
García Mc con Nación Quilombo / Rocío Cibes (Son Rías Baixas)

O Festival SonRías Baixas anuncia os primeiros nomes do cartel da súa vindeira edición, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de agosto de 2022 en Bueu.

Kase.O Jazz Magnetism, Rayden, Arnau Griso, Balkan Paradise Orchestra, Buhos e García Mc & Nación Quilombo son as confirmacións iniciais de artistas do cartel da cita, que este verán regresará ao Morrazo no seu habitual formato de grande festival.

SonRías Baixas, organizado pola promotora local PlayPlan, é un dos grandes eventos de música ao vivo no verán en Galicia. Neste 2022 o Festival SonRías Baixas presentará unha ampla, dinámica e potente programación que terá lugar a primeira fin de semana de agosto e da que xa se coñecen os primeiros nomes. 

Entre eles destacan, como cabezas de cartel, o mítico cantante de hip hop Kase.O, que regresa a Bueu cun novo repertorio e acompañado da súa banda Jazz Magnetism -logo de esgotar as entradas para a súa actuación do ano pasado en só 48 horas-, o rapeiro Rayden, quen dará a coñecer o seu novo álbum, Homónimo, e o dúo Arnau Griso, que presentará o seu último disco Enric Blanch na que será a derradeira actuación do grupo en Galicia antes da súa disolución, no marco da súa Gira Despedida.

A estas confirmacións súmanse tamén outras dúas bandas catalás que, ademais de ter anunciada soamente esta data en Galicia para o verán, incidirán no carácter festivo do SonRías Baixas: a enérxica e rompedora Balkan Paradise Orchestra, coas súas once instrumentistas de vento metal e percusión dispostas a achegar as ganas de bailar da tradición balcánica; e a animada e irreverente Buhos, que presentará en Bueu os avances do seu novo disco, que se publicará o ano que vén. 

Canda elas pecha este primeiro adianto do cartel o trepidante directo do galego García Mc quen, coa banda Nación Quilombo, encherá de ritmos do mundo a noite en Bueu e dará a coñecer o seu novo álbum, Arquipélago Quilombo, que se publicará nas plataformas dixitais este venres 31. 

Nas vindeiras semanas a organización do SonRías Baixas 2022 anunciará novos nomes de artistas que participarán nesta edición, que pretende ser de novo unha grande festa da música en directo na península do Morrazo e un polo de atracción turística e de dinamización socioeconómica no territorio durante a súa celebración.

ENTRADAS

As entradas do SonRías Baixas 2022 estarán á disposición do público a partir das 12.00 horas deste mércores 29 de decembro a través da páxina web oficial do festival,www.sonriasbaixas.info

O público poderá adquirir o seu abono, válido para as tres xornadas de concertos, por 45 euros (máis gastos de xestión). Este será o prezo dun número limitado de billetes e co gallo do lanzamento do cartel do festival.

Todas as persoas que manteñen a súa entrada do SonRías Baixas 2020 para poder gozar desta edición poderán facelo: tal e como a organización comunicou desde o primeiro momento da suspensión da 18ª edición, os bonos son válidos para a seguinte edición do festival en grande formato, como é o caso da que se celebrará os próximos 4, 5 e 6 de agosto.

Para calquera dúbida que poida xurdir sobre as entradas, a organización dispón dun correo electrónico de contacto no que atenderá ditas consultas: [email protected]