O Concello de Caldas de Reis repetirá a experiencia do ano pasado e vén de anunciar a celebración da segunda edición do seu festival de DJs 'Kalidas Primavera Fest' para o vindeiro venres 11 de abril.
Trátase dunha iniciativa que aspira a ser, segundo o tenente de alcalde e responsable de Festas Manuel Fariña, "máis grande e cunha programación aínda mellor que o ano pasado".
O responsable de Festas destaca que o 'Kalidas' será a antesala da Festa da Primavera e suporá unha xornada de música que contará "coa participación de 'pinchas' de grande renome no panorama galego, estatal e internacional".
O concelleiro anuncia que o cartel irase anunciando en próximas datas, mais sinala que estará á altura ou superará o da pasada edición, cando actuaron Anthony Godfather, Groove Amigos, Mr. J ou Carlos López, que encheron de xente moza o aparcadoiro da Tafona.
A intención de Fariña é que o 'Kalidas' se consolide como unha cita referente no calendario de festivais e festas galegas e atraia numeroso público, non só da vila termal, senón tamén dos concellos da comarca e doutras localidades.
"Sabemos que un evento destas características ten un grande público, que está a medrar incluso nos festivais con escenarios propios facendo competencia aos concertos tradicionais, polo que decidimos apostar por unha explosión de talento que teña aínda un efecto chamada maior. Non quedará persoa á que lle gusten estas citas que non queira vir a Caldas", subliña.
Fariña fai fincapé en que, ademais, o Concello volve apostar por unha programación totalmente de balde para que toda a xente poida gozar da música sen restricións.
Subliña que é un esforzo económico para as arcas municipais, pero salienta que as contrapartidas son maiores, xa que supón un revulsivo para a economía local.
"Queremos que, como o ano pasado, Caldas volva ser un fervedoiro de xente", insiste.
A Concellería de Festas xa traballa de maneira coordinada cos corpos da Policía Local e de Protección Civil para que a afluencia de público estea organizada grazas a un dispositivo especial de seguridade e de tráfico.