Caldas de Reis celebra o 25 aniversario de Kaldarte, que pasa a converterse na mostra de arte pública máis lonxeva de Europa.
Neste certame participaron 300 artistas que crearon 260 obras de arte contemporánea. Todas estas pezas realizáronse en interactuación coa propia poboación da vila termal con obras e instalacións maioritariamente efémeras, de baixo orzamento e de marcado carácter pedagóxico, con contidos e mensaxes críticas e poéticas, segundo indican desde a organización.
Kaldarte naceu en xullo de 1998 como un dos piares que configuraban o novo Festival Cultura Quente, no marco dun proxecto europeo de innovación, cultura e desenvolvemento local impulsado por Concello de Caldas de Reis.
O alcalde, Juan Manuel Rey, destaca que "Kaldarte foi unha aposta transgresora, arriscada e totalmente nova en Galicia, máis para un municipio pequeno como Caldas, pero cada ano os artistas participantes provócannos e ensínannos coa súa creatividade novas perspectivas para ver Caldas e o mundo dunha forma diferente".
Para o comisario de Kaldarte, o profesor Juanjo Fuentes, "Kaldarte é toda unha excepción neste tipo de mostras pola súa continuidade no tempo, pola liberdade absoluta coa que os participantes poden crear as súas obras sen ningunha intromisión, pola naturalidade da convivencia en Caldas e pola magnífica acollida que recibimos da poboación caldense todos os anos ".
Na presente edición están a participar dez artistas que contan co apoio da propia organización de Kaldarte e coa colaboración de moitos veciños de Caldas de Reis. Presentáronse un total de 83 proxectos de todo o mundo. Este venres 29 de xullo realizábase a tradicional visita interpretativa e inauguración das obras
DEZ PROXECTOS ARTÍSTICOS
O artista barcelonés Xavi Muñoz presenta a peza titulada "Futuro", que está situada na entrada do edificio do Centro Comarcal.
O pontevedrés Isaac Cordal mostra "Eclipses de cemento", a través de trece diminutas figuras de resina de poliuretano colocadas nas fachadas de diversos edificios de Caldas.
A creadora de Sanxenxo Amaya González Reyes presenta xunto con José Manuel Vidal varias instalacións, unha delas no lavadoiro termal, "Relatos velados", e tamén pintou de prata tres grandes bloques de pedra que estaban situados na Praza Constitución para conmemorar os 25 anos de Kaldarte baixo o título "Bañado en Prata".
O artista madrileño Fernando Sánchez Castelo, referente internacional da arte público de España, presenta un muro da rúa Porto do Río con pintadas con mensaxes da época da Transición, na que tamén participaron veciños de Caldas e representantes dos tres partidos políticos do Concello co título de "Gústame ensuciar a parede";
A artista seleccionada este ano pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra é Carmen Seijas, natural de Betanzos, que instalou na rúa Río Pequeno o mural "Meiga".
No lavadoiro termal tamén se presenta outra obra seleccionada do artista cántabro Quique Ortiz consistente nun falso trampantollo co reflexo da auga sobre o teito titulado "Auga de Burga".
O pintor santanderino Óscar Lanza aproveita un valo publicitario situado na Tafona para situar a súa obra pictórica "Menos agoniar e máis brindar".
Os creadores Asun González e Frank Sastre, veciños de Caldas de Reis que expoñen habitualmente en diversos países, abriron esta edición de Kaldarte o pasado luns cun acto pictórico en directo nas Palmeiras, na que realizaron a obra "Caldas". Tamén levaron a cabo outra intervención artística nas tapas de sumidoiros da Alhóndiga, coa participación das alumnas e o profesor da escola de arte caldense Treviño.