Juancho Marqués, Treixadura e o rapeiro Fernando Costa súmanse ás Festas da Peregrina

Pontevedra
06 de xullo 2022

As Festas da Peregrina teñen case ultimado o cartel dos seus concertos principais. Tras Zahara, Camela e Coque Malla, súmanse á oferta musical Juancho Marqués, o rapeiro Fernando Costa e os galegos Treixadura

Fernando Costa
Fernando Costa / Santiago Turismo

As Festas da Peregrina teñen case ultimado o cartel dos seus concertos principais. Tras Zahara, Camela e Coque Malla, súmanse á oferta musical Juancho Marqués, o rapeiro Fernando Costa e os galegos Treixadura.

O martes 16 de agosto será a quenda de Fernando Costa, un novo artista criado entre Eivissa e Granada que se converteu por méritos propios nunha das grandes referencias da nova xeración do hip hop e o rap español.

Aos seus 27 anos, acaba de lanzar ao mercado o seu segundo disco, Titiritando, no que o artista mestura o seu clásico estilo hardcore con novos ritmos, pero sen perder a esencia rueira e underground que o caracterizou desde que comezou a súa traxectoria.

 

Treixadura, pola súa banda, é a proposta elixida para o mércores 17 de agosto. A banda galega traerá a Pontevedra o seu sorprendente espectáculo musical, no que apostan pola música tradicional galega desde dúas concepcións arraigadas: o canto e a gaita.

No seu concerto presentarán o seu novo disco, Camiño longo, co que celebran os seus máis de 30 anos de traxectoria. Neste álbum, o grupo recupera as melodías dos seus inicios para descubrir como a súa madurez e experiencia cambiaron os seus temas máis emblemáticos.

Juancho Marqués, outro dos artistas urbanos de maior renome no noso país, ofrecerá o concerto que as Festas da Peregrina programou para o venres 19 de agosto.

Tras preto de dúas décadas de carreira musical, o tamén membro do colectivo Suite Soprano é un artista difícil de catalogar só dentro do hip hop, xa que na súa música recoñécense influencias da electrónica ou o pop, dando forma a un estilo diferenciado. 

 

Estes tres concertos, como o resto dos incluídos na programación festiva de Pontevedra serán gratuítos. Non será necesario retirar ningún tipo de entrada nin invitación.

A eles sumarase o espectáculo infantil O Pequeno Rei da Sabana, a primeira adaptación en galego do coñecido musical de El Rey León. Será o xoves 18 de agosto.

Trátase dun espectáculo deseñado pola Asociación Cultural CODA, que presenta un elenco de trece solistas e un coro de máis de vinte voces, todas en directo.