Juan Fernando de Laiglesiaexpón a partir do próximo venres 18 de marzo na sala Nemonon de Pontevedra (Marqués de Riestra, 11). A mostra denominada 'Postbabel. Ciudades Lámparas Animales' consta dun total de vinte e dúas pezas e expón unha reflexión sobre cinco asentamentos humanos en diferentes épocas da historia da cultura, incluíndo unha representación da inacabada Torre de Babel que realizarán os asistentes á inauguración.
Quen visite a exposición atoparanse ao entrar seis vitrinas portátiles dispostas en torre, representando animais máis ou menos feroces e nas paredes oito formacións vexetais con parecido morfolóxico a mamíferos, aves e peces. Nunha das estancias da exposición acéndense catro grandes lámpadas mostrando a relación fundacional entre arquitectura e deseño. De igual forma ofrécese impreso un catálogo con textos de Fernando Casás, Juan Loeck, Jürgen Misch e Juan Luís Moraza.
Juan Fernando de Laiglesia e González de Peredo (1946) é Doutor en Filosofía e Licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, onde tamén exerceu como profesor. Foi o primeiro decano Facultade de Belas Artes de Pontevedra e actualmente é profesor emérito na Universidade de Vigo. Expuxo a súa obra artística en decenas de exposicións, tanto individuais como colectivas,así como nacionais e internacionais.
A inauguración da mostra será ás 20.00 horas e poderase visitar ata o 13 de abril de luns a venres en horario de 12.00 a 14.30 horas e de 19.00 a 21.00 horas, os sábados entre as 12.00 e as 14.00 horas.