O actor Juan Echanove recibiu o premio Sétimo Miau, dentro dos actos organizados pola Asociación de Amigos de Valle-Inclán con motivo do 158 aniversario do nacemento do escritor.
Tras recibir o premio, nun acto celebrado no auditorio municipal que leva o nome o dramatugo pontevedrés, Echanove destacou a súa satisfacción por recibir o galardón, unha figura deseñada por Juan Fernando Laiglesia.
"Celebrar a Valle-Inclán en Vilanova de Arousa é unha alegría e compartir esta xornada con todos os que hoxe nos reunimos aquí é moi satisfactorio", sinalou o actor, que asegurou que "desde que me comunicaron o premio o meu desexo era o de compartir este día con todos".
Na súa intervención, sinalou que "non me podo queixar do que logrei" despois de que a senda que trazou desde o inicio da súa carreira a través de Valle-Inclán "levoume a bo porto".
Emocionado, Juan Echanove confesou que "como todos imos cambiando porque a vida é un eterno cambio, sempre teño a figura estática dos meus principios que me impulsa para continuar nesta senda tan misteriosa e case esperpéntica que é a vida".
Ademais, preguntado sobre cal era a súa obra favorita de Valle-Inclán afirmou que era Divinas palabras, pero engadiu que "no recuncho da mentira que todos temos a miña preferida é Luces de Bohemia".
Echanove obtivo no ano 1987 o Goya ao mellor actor de reparto polo seu papel como Miguelín, o padronés na versión cinematográfica de Divinas palabras dirixida por José Luís García Sánchez e que tras a entrega do premio foi proxectada en Vilanova de Arousa.
Este premio entregouse durante os actos da Semana Cultural Valle-Inclán que organiza o Concello de Vilanova de Arousa con motivo do 158 aniversario do escritor, nacido o 28 de outubro de 1866.
Entre os eventos programados incluíronse a lectura ininterrompida de obras do autor arousán ou unha ofrenda floral ante o seu monumento, no que Fátima Rey leu o manifesto val-inclaniano. Ademais, presentouse o último número da revista Cuadrante.