Josefina Arruti dá o salto ao cómic para achegar a memoria histórica á mocidade

Pontevedra
24 de novembro 2020

Ata mil exemplares vanse a editar de Os berros da bicicleta, un cómic co que se pretende achegar á mocidade a figura de Josefina Arruti Viaño, unha das persoas sobre as que investiga o programa municipal A memoria das mulleres. O cómic, que conta cun guión de Kiko da Silva e coas ilustracións do debuxante Pablo Prado, busca "espertar a curiosidade" da xente nova pola memoria histórica

Xaquín Moreda e Kiko da Silva na presentación do cómic "Os berros da motocicleta"
Xaquín Moreda e Kiko da Silva na presentación do cómic "Os berros da motocicleta" / Mónica Patxot

Ata mil exemplares vanse a editar de Os berros da bicicleta, un cómic co que se pretende achegar á mocidade a figura de Josefina Arruti Viaño, unha das persoas sobre as que investiga o programa municipal A memoria das mulleres. 

O cómic, que conta cun guión de Kiko da Silva e coas ilustracións do debuxante Pablo Prado, busca "espertar a curiosidade" da xente nova pola memoria histórica, utilizando para iso unha linguaxe "máis acaída" para eles, explicou o edil de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda.

"A banda deseñada é a maneira perfecta para coñecer a nosa historia", afirmou Da Silva, que destacou a "profesionalidade" mostrada por Pablo Prado, alumno do Garaxe Hermético. "Non parece unha ópera prima", engadiu con respecto ao seu traballo. 

Josefina Arruti foi esposa do alcalde republicano Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Só por iso estivo encarcerada durante 18 meses e case dous anos máis sometida a arresto domiciliario, xunto cos seus tres fillos pequenos, na actual rúa de Benito Corbal.

Quedou soa, co seu home exiliado fóra do país e ao que nunca volveu a ver en vida. Foi sinalada pola sociedade da época e pasou dunha situación acomodada a converter a súa casa nunha pensión. A súa historia quedou agochada ata que foi recuperada por este programa.

Kiko da Silva explicou que a creación deste cómic foi un proceso "complicadísimo" porque apenas había información sobre esta muller. "Foron dous anos de busca complexos, buscando datos que moitas veces nin sequera a familia sabía claramente como eran", destacou o autor.

A historia non está contada de xeito lineal senón que está estruturada en formato epistolar con flashbacks, aproveitando a circunstancia de que, segundo dixo Da Silva "a memoria e o cómic van da man porque funcionan da mesma maneira, porque non lembramos toda a nosa historia senón que o que lembramos son retallos".

Ademais, o libro inclúe guiños á Pontevedra dos anos 30, a feitos históricos como o asasinato de Alexandre Bóveda ou de Víctor Casas, instantáneas do álbum familiar da propia Josefina ou correspondencia dela co seu home que se conserva no Museo de Pontevedra.

A filla e os dous fillos de Josefina Arruti, María del Carmen, José Ángel e Manuel, xa coñecen o libro e, segundo indicaron Xaquín Moreda e Kiko da Silva, están satisfeitos co resultado e moi agradecidos por rescatar a memoria da súa nai con rigor.

O debuxante tamén se referiu á finalidade de contar esta historia asegurando que o que pasou Josefina Arruti "foi durísimo e foi tremendo" e que é necesario dalo a coñecer "porque é importante concienciar á cidadanía e, sobre todo, á xente moza que non viviu esta calamidade para que non volvamos repetila".

"Estamos convencidos de que coñecer esta historia será un antídoto contra o rexurdimento do fascismo", asegurou Moreda, que afirmou que a vida de Josefina Arruti "simboliza a magnitude do drama" que tiveron que soportar as mulleres no franquismo, "unhas veces por ideoloxía e outras simplemente por parentesco con homes perseguidos".

A maiores deste cómic, o goberno municipal instalará o próximo venres 27 de novembro un panel explicativo coa vida de Josefina Arruti na avenida que leva o seu nome, para divulgar a súa figura entre a cidadanía de Pontevedra.