O Atlantic Fest, o festival de música independente que se celebrará na Illa de Arousa os días 1, 2 e 3 de xullo, segue incorporando novas bandas e artistas ao seu cartel.
Segundo avanzan os seus organizadores, trátase de José González e os grupos galegos Malandrómeda e Bala. Súmanse aos xa confirmados: Tindersticks, Xoel López, Nacho Vegas, Alex Cooper, Be Forest e El niño de Elche.
José González ten unha voz, un son, unha clase e unha visión musical que fan del un dos compositores e intérpretes máis talentosos da súa xeración. O seu último disco, Vestiges & Claws, atopa a súa inspiración en produtores brasileiros dos 70 e no folk rock americano, cunha colección de cancións cheas de frustración e optimismo.
É o seu primeiro álbum en solitario despois de sete anos, nos que ademais de publicar dous discos con Junip e xirar por todo o mundo, participou na banda sonora de La vida secreta de Walter Mitty, película dirixida e protagonizada por Ben Stiller.
Pola súa banda, o dúo Malandrómeda publicou neste 2016 dous álbums que volven coroalos como os reis do hip hop galego, despois de cinco anos de silencio.
Son dous traballos ben distintos, un mostra a parte máis festeira do grupo, mentres que o outro se presenta máis sobrio e intimista. Iso si, os dous teñen letras surrealistas e punzantes, que son ademais a súa marca de identidade. Escoitalos é toda unha experiencia, unha viaxe por ambientes e paisaxes sonoros que combinan vangarda e costumismo.
A terceira incorporación é a de Bala. Poucos discos de debut foron tan esperados e impactaron tanto á escena galega como o seu. Tiñan moi claro que querían irromper na escena musical facendo moito ruído e estano facendo.
As dúas mozas que forman o grupo, pasaron por diferentes bandas, ata concretar Human Flesh, o seu traballo máis persoal con claras reminiscencias grunge, punk rock ou metal. Un disco cheo de furia, nervio e enerxía desbordante que ademais describe á perfección os seus directos.
As entradas para o Atlantic Fest seguen á venda. O abono para os tres días custa 40 euros ata o próximo 12 de xuño.