Non só do verán vive o jazz en Pontevedra. E iso vaise a demostrar, un ano máis, co ciclo de concertos que, baixo a denominación de Sons de Outono, impulsa o Seminario Permanente de Jazz, que comezará así a celebrar o seu 25 aniversario, que se conmemorará en 2025.
O edil responsable da área de cultura, Demetrio Gómez, destacou que este ciclo ofrecerá unha programación "variada", que permitirá que a cidadanía poida gozar na rúa do jazz "nas súas diferentes expresións" con músicos que pasaron por este seminario.
"Se en Pontevedra hai unha cultura musical excelente, o que achega o Seminario Permanente de Jazz é un plus", sostivo Gómez, para quen esta iniciativa cultural, liderada por Luis Carballo, "é unha sorte, un privilexio e un orgullo" para toda a cidade.
Sons de Outono, segundo Carballo, é un ciclo "maioritariamente de jazz", pero nesta ocasión ofrecerá outras músicas. Será un programa "interesante" co que o seminario busca "achegar a música a cidadanía" e ambientar as rúas da cidade antes do Nadal.
Os catro concertos desta nova edición do ciclo Sons de Outono arrancarán este sábado 23 de novembro coa actuación de Acoustic Solar, unha formación integrada por Luis Felipe Fernández (saxo alto), Javier Abraldes (guitarra) e Berto Rial (contrabaixo).
Creado no ano 2024 por alumnos do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, o groso do seu repertorio confórmano os standards clásicos do jazz, pero tamén inclúe versións jazzísticas de música de influencia funk, góspel e soul.
O sábado 30 de novembro os protagonistas deste ciclo será David Taboada Trío, unha banda formada por tres músicos moi novos, entre eles a contrabaixista cubana Judit Almeida, todo un referente no jazz galego actual.
Xunto a ela actuarán o pianista Mateo Sestelo e o baterísta David Taboada, dous novísimos musicos ponteareáns que están chamados a ser referentes deste estilo musical en Galicia.
Froján será a aposta musical para o sábado 7 de decembro, un cuarteto asentado na cidade de Pontevedra que acaba de publicar o seu segundo disco, titulado Reflexos, no que mostra a súa poesía autodestructiva en equilibrio coa forza do rock alternativo.
Composta por Miguel Froján (voz e guitarra), Robert Beade (guitarra), Sergi Outeiral (baixo eléctrico) e Óscar Mourelos (batería), conseguen crear un estilo propio fusionando detalles barrocos e clásicos co son das bandas de referencia do rock estatal.
Sons de Outono chegará á súa fin o sábado 14 de decembro con Brass Atlantic, unha banda de instrumentos de vento e percusión que naceu de modo espontáneo no ano 2022 da man dun grupo de amigos e experimentados músicos de jazz.
Son Rosolino Marinello (saxo alto), Sarunas Pupelis (saxo tenor), Ginés Guerra (trombón), Lolo Martínez (tuba) e Noli Torres (batería). Xuntos abordan un repertorio variado, lembrando ás bandas de Nova Orleáns, con estilos como o dixieland, o swing, o blues, o jazz, o soul ou o funk.
Todos os concertos serán na Praza da Peregrina, a partir das doce do mediodía. No caso de choiva, as actuacións trasladaranse ao palco de música da Alameda.