Entre "Aunque te quiera", a primeira canción que editou en solitario alá polo ano 2020, e o disco que agora abraza orgulloso, "Perdón por las molestias", pasaron tres anos da vida de Javier Lago (Vigo, 1996). Polo camiño, paso a paso, foi labrando un nome como artista.
Este álbum debut, que sae á venda este venres 26 e que presentará ese mesmo día en directo (19:30 horas) no Museo de Pontevedra, demostra a súa evolución persoal e artística, fusionando a música con sons pop contemporáneos. Iso si, sen perder o seu selo de identidade.
Que significa este disco para ti?
É unha responsabilidade moi grande. Primeiro comigo mesmo, porque despois de tantos anos traballando en compoñer e producir a parte musical, digamos, creo que facelo todo con moito esforzo, con moito agarimo e con moita dedicación é un acto de respecto para comigo.
Pero tamén con todas as persoas que decidiron comprar o disco antes de que fora unha realidade. Foi un acto de fe que necesita ser recompensado. A mellor maneira, ademais de todo o agarimo que poida darlles, era facer algo que estea cheo de esforzo e de compromiso.
Desde que en 2020 empezaches a túa carreira en solitario, editaches oito temas. Só tres deles están neste disco. Imos ver agora a un Javier Lago diferente?
Si, están "Si me lo permiten", "Ligero" e "Lagartos", que son as que presentei o ano pasado. Cada canción anterior era un produto en si mesmo. Este disco xa está pensado como un todo. Démonos conta que nas dez cancións había como un fío condutor.
Cal sería ese fío condutor?
O peso principal recae as letras, na voz e, sobre todo, no momento no que estou a vivir. É como enmarcar este tempo nun CD. Ademais, tentamos chegar a un punto intermedio, mesturando as miñas influencias máis clásicas con sons máis modernos e contemporáneos.
Nese punto intermedio creo que é onde recae todo o protagonismo do disco. Si que é certo que é bastante ecléctico, que hai un pouquiño de todo. O pop é unha palabra moi grande, ten moitas vertentes. Pero este disco é unha viaxe con sentido.
As tres cancións anteriores que incluíches no disco xa foron compostas pensando neste primeiro álbum ou decidiches incorporalas despois a todo este proceso?
"Lagartos" foi a única que foi composta antes de saber que eu me ía a lanzar a un disco, por mor dun suceso familiar. Pero as outras dúas xa foron pensadas para o disco. Tras o concerto na Sala Karma, tanto Raúl Ben, que é o produtor do disco, como eu puxemos en encima da mesa unha serie de cancións e vimos que había material para un disco.
Tivéstelo sempre claro?
Foi como lanzarse á piscina. Non sabiamos de onde iamos sacar o diñeiro para producilo. Puxemos as cancións encima da mesa e vimos que había material. Logo houbo algunhas que foron caendo polo camiño, porque non encaixaban polo momento ou pola temática, e foron nacendo outras un pouquiño máis próximas ao que queriamos para este disco.
"Pasámonos a vida pedindo perdón. Espero que "Perdón por las molestias" sexa a miña última desculpa"
Falabas de Raúl Ben, co que empezaches a colaborar en 2022 por mor do tema "El temblor". Coñecelo foi un punto de inflexión na túa carreira?
Si, desde logo. Ao redor del hai unha sinerxia moi bonita entre artistas e o que me pasa con el é que fai que algo individual non sexa un proxecto en solitario. Faiche sentir moi acompañado e moi escoitado. Chegamos a un punto de entendemento moi bonito.
Ter fisicamente na man este primeiro disco imponche un pouco?
Un pouco non, moitísimo. Pero á vez síntome moi orgulloso de poder tocalo, de poder palpalo. Sei que sacar un disco non é o máis moderno, agora se terza máis sacar canción a canción. Pero noto que, e creo que o pode notar o resto da xente, a pesar de que sacar un disco se cadra sexa nadar a contracorrente, segue sendo un paso en firme.
Dicías que todas as cancións do disco dan forma a unha historia, ao momento vital no que te atopas. Hai nelas temas recorrentes como a ansiedade, o amor, a inseguridade ante o futuro. Cal sería ese momento que atravesas?
Non se se algunha vez nos deixamos de atopar nese momento de inseguridade, de areas movedizas. Eu son consciente de que estou nese momento desde hai un tempo. Pero á vez, gústame. Souben aprender a gozar de certa incerteza, de certo grao de sorpresa. Estar alerta ten un punto interesante.
Diso vai "Todo a la vez", non? A carta de presentación deste disco.
Exacto. De asumir que todas as decisións que tomaches e todas as decisións que deixaches de tomar, leváronche ata onde estás e que por moito que puideses chegar a ser outra persoa, tes que facer todo coa persoa que es para ser feliz.
E por que o título de "Perdón por las molestias"? Sentes que debes desculparte?
Ten un punto irónico. O que pido perdón é por desculparme tanto. O disco en xeral fala sobre o espazo que habitamos. Moitas veces temos a sensación de que non o merecemos, de que non nos corresponde, e pasámonos a vida pedindo perdón. Eu resúmoo en que espero que "Perdón por las molestias" sexa a miña última desculpa.
O que se desprende deste disco é que quixeches xogar, experimentando con sons e instrumentos novos. Como foi todo ese proceso?
Hai moitas versións de min, desde a máis clásica, á máis moderna, á máis íntima ou á máis bailable. A miña intención era que todo iso tivese sentido dentro do disco e eu creo que está ben representado, as miñas influencias están claras. Pero teño aínda moitos terreos por explorar. Hai moitas vías que naceron no disco e que creo que poden ter máis espazo no futuro.
"Teño aínda moitos terreos por explorar. Hai moitas vías que naceron no disco e que creo que poden ter máis espazo no futuro"
E de todas as cancións que podías facer unha versión por que "Menina estás à janela"?
No disco ten un papel súper importante a miña familia, as miñas raíces e a miña herdanza musical. É unha canción que fixen con todo o respecto do mundo. Lévoa cantando desde pequeniño. Ensinouma o meu tío Pancho Salmerón, que compuxo dúas das cancións deste disco.
El é un namorado da cultura portuguesa e é unha canción que levamos cantando na familia desde que teño memoria. Crecín con ela e deume cousas moi bonitas. Síntome como na casa cando a canto.
Agora que falas da importancia da túa familia e dos teus amigos. Como xurdiu a idea de que te acompañasen aos coros en "Puede que no quede nada", a rumba que pecha o disco?
Non me custou convencelos. Apúntanse a todo o que lles propoño sen pensalo demasiado. Foi un día súper bonito no verán. Reunín a moita xente que quero, a familiares e amigos. Era o que necesitaba o disco para acabar de forma positiva e mirando ao futuro con claridade.
A canción vai sobre que poden pasarme as peores cousas do mundo pero que, mentres te queiran e teñamos todo ese amor, imos estar ben. Parecíame súper bonito, que toda a xente á que quero puidese acompañarme e ter unha pequeniña responsabilidade no disco.
Enfocando xa ao que vén, o disco preséntalo este venres 26 de xaneiro no Museo de Pontevedra. Contento deste debut en casa?
Eu creo que vai ser moi bonito. Teño moitas ganas de poder contar de onde vén o disco, como saíron adiante as cancións. E logo obviamente, non pode faltar a parte musical, na que faremos unha visita ás cancións do disco dunha forma distinta.
Para que poidas escoitar o disco pola mañá ou esa mesma noite e que logo veñas ao evento e as coñezas doutra forma máis crúa. Espero que entre o que conto e o que canto se poida entender todo moito mellor. O marco vai ser perfecto e espero que saia todo ben.