A realizadora vasca Jaione Camborda, afincada en Galicia desde hai anos, está a gravar nas Rías Baixas a súa segunda película, un filme ambientado no rural galego chamado O corno.
A rodaxe, que arrancou o pasado 12 de setembro, estenderase ata finais de outubro por diferentes localizacións da Illa de Arousa e da fronteira portuguesa, na zona do Rosal.
A súa estrea comercial está prevista para a segunda metade de 2023.
Con O corno, Camborda volve poñerse detrás da cámara tras a estrea en 2019 da súa ópera prima, Arima, pola que obtivo o premio á mellor dirección na sección Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla.
A súa segunda película, rodada en galego, está ambientada na Galicia rural dos primeiros anos 70 do pasado século para contar a historia de María, unha parteira que se ve obrigada a fuxir a Portugal a través dunha antiga ruta de contrabandistas.
A bailarina e creadora galega Janet Novas dálle vida á protagonista, no que é o seu debut como actriz de cine. Conta tamén coas interpretacións de Julia Gómez e de Diego Anido, aos que se une un elenco de actores non profesionais naturais das zonas de rodaxe.
O obxectivo é darlle máis veracidade e cohesión a todos os elementos da cinta.
Xunto coa propia Jaione Camborda, á fronte de Esnatu Zinema, son produtoras do filme Andrea Vázquez de Miramemira, responsable de películas como O que arde, de Oliver Laxe; e María Zamora de Elastica Films, produtora de Alcarràs, Oso de Ouro na pasada edición da Berlinale.
O corno conta, ademais, con participación belga e portuguesa.
A Xunta de Galicia subvenciona esta coprodución internacional cunha achega de máis de 260.000 euros.