O director Jaime Chávarri ofrecerá o vindeiro xoves 23 de xaneiro unha clase maxistral ante o público no Teatro Principal de Pontevedra, dous días antes de recoller o Premio Feroz de Honra 2025.
Esta charla, que será ás sete da tarde, é unha tradición nestes premios, que protagoniza o homenaxeado pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE).
Nela, Chávarri compartirá cos asistentes o máis destacado da súa filmografía e as anécdotas acumuladas ao longo da súa traxectoria.
O cineasta madrileño estará acompañado pola presidenta da AICE, María Guerra, e polo xornalista cultural Anxo Suances, para repasar a súa carreira.
Xunto a eles, avanza a organización realizará unha viaxe pola historia de España e do cine patrio, onde asinou traballos arriscados pero varias das obras máis populares e queridas do cine español como Las cosas del querer, Las bicicletas son para el verano e El desencanto.
As entradas para este encontro son gratuítas e poderán retirarse a partir de mañá na oficina de turismo da Praza de España, cun máximo de catro localidades por persoa.
A gala dos Feroz 2025, que estará presentada por La Dani, celebrarase o vindeiro sábado 25 de xaneiro en Pontevedra.
En total entregaranse 21 galardóns: once de cine, sete de series, os dous Premios Feroz Arrebato e o Premio Feroz de Honra que este ano recibirá o cineasta Jaime Chávarri.