Iván Ferreiro, Rodrigo Amarante, Los Nastys ou Caxade tamén estarán no Atlantic Fest

O Salnés
27 de abril 2018

O Atlantic Fest non para. Tras anunciar que Kaiser Chiefs, The Vaccines e La Casa Azul estarían na Illa de Arousa para participar na edición de 2018 deste festival, os organizadores desvelaron o nome de dez novos artistas e bandas que subirán ao seu escenario os días 20, 21 e 22 de xullo

Concerto de Iván Ferreiro na Sala Karma
Concerto de Iván Ferreiro na Sala Karma / Mónica Patxot

O Atlantic Fest non para. Tras anunciar que Kaiser Chiefs, The Vaccines e La Casa Azul estarían na Illa de Arousa para participar na edición de 2018 deste festival, os organizadores desvelaron o nome de dez novos artistas e bandas que subirán ao seu escenario os días 20, 21 e 22 de xullo.

Así, súmanse ao Atlantic Fest: Iván Ferreiro, Rodrigo Amarante, María Arnal i Marcel Bagés, Los Nastys, Soledad Vélez, La Plata, Esteban & Manuel, Caxade, D'Valentina e Jay

Iván Ferreiro, un dos artistas máis prolíficos e enxeñosos que coñece a cultura do pop-rock indie en España, actuará no 21 de xullo na Illa. En directo soarán os temas do seu último disco, Casa, e algúns dos grandes éxitos da súa intensa carreira musical.

Xunto a el, o público gozará coa música de Rodrigo Amarante, un artista que comezou a súa carreira na banda Los Hermanos, coa que lanzou catro discos. Tras varios proxectos musicais, desde 2014 actúa en solitario apostando por cancións en francés, portugués e inglés cun profundo halo intimista.

Un pequeno escenario xunto ao espazo gastronómico será o que ocupen, entre outros, Los Nastys, posuidores dun dos directos máis tolos do panorama nacional, presentando o seu novo traballo Música para el Amor y La Guerra; e os galegos Caxade, que co seu son balcánico e o seu directo impecable son a banda perfecta para un festival coma este.

Ademais, o venres 20 de xullo haberá concertos por diferentes espazos do municipio que estarán protagonizados polos valencianos La Prata, D’ Valentina, os galegos Jay e a chilena Soledad Vélez, que presentará o seu recén estreado traballo Nuevas Épocas, o primeiro en castelán e tocado integramente con sintetizadores e teclados de distintas épocas.

Un concerto de María Arnal e Marcel Bagés no auditorio da Illa (20 de xullo) e a sesión vermú na praza de abastos cos ritmos latinos de Esteban & Manuel (22 de xullo) tamén formarán parte da oferta musical do Atlantic Fest 2018.

As entradas atópanse xa á venda en www.atlanticfest.com. Teñen un prezo de 50 euros ata o próximo 15 de maio.