O compositor Israel Alonso, integrante da Banda de Música de Pontevedra, logrou o primeiro premio na primeira categoría da décima edición do Concurso Galego de Composición para Bandas de Música que se celebraba no Auditorio de Galicia. A obra gañadora titúlase 'Suite Istoria' e está dedicada ao compositor galego Antón Alcalde.
Ademais, o autor indica que este traballo é un agasallo destinado á Fundación da Festa da Istoria de Ribadavia, que celebra este ano o seu 30 aniversario.
O tribunal formado polos compositores Ferrer Ferrán, Juan Durán e Laurence Román valoraron o traballo realizado por Israel Alonso nesta peza creada este ano con influencias de obras como ' Polifemo e Galatea', de Andrés Valero Castells; 'Pórtico', de Antón Alcalde e a Sinfonía número 2 'A Lenda de Paio Gómez Charino', tamén obra de Antón Alcalde. O autor vigués gañador do premio tamén utilizou un poema de Celso Emilio Ferreiro titulado 'Cantiga de Ribadavia', traducido ao latín pola filóloga Pilar Moliner.
A portada da 'Suite Istoria' foi deseñada polo fotógrafo e trombonista Antonio Fraguas Barreiro.