O cartel de completo colgado e éxito de público. Así foi a estrea da nova edición do ciclo Ponteatro, que botou a andar este xoves con 'Iribarne', unha revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor que chegaba co aval do aplauso unánime do público e da crítica e non decepcionou.
Escrita por Esther F. Carrodeguas e con dirección de Xavier Castiñeira, esta obra de ButacaZero ofreceu, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se foi dando o relevo para interpretar ao protagonista.
O director preséntaa como unha "peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver". E as risas e aplausos do público do Pazo da Cultura de Pontevedra confirmárono.
Carrodeguas preséntaa como "un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia". Segundo ela, é "o traballo máis difícil que escribín ata agora" e resultoulle "complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar".
A montaxe estivo articulada en tres episodios, que repasaron a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. "
Na obra houbo oco para todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat... pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco.
Completaron o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single Who the f*ck is Iribarne?
A próxima cita de Ponteatro será o xoves 22 febreiro, ás 21.00 horas. No Teatro Principal está programada a obra: 'Unha inimiga do pobo' de Talía Teatro. A compañía porá en escea a historia de Helena, unha prestixiosa doutora que regresa á vila natal para comezar de novo. Embarazada de sete meses, afronta o seu estado coa ilusión posta nun novo proxecto profesional: o balneario que ela mesma deseñou e que se presenta como un alternativa turística sostible e saudable para a súa vila. A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza, que ve como se pon en risco a prosperidade da comunidade.