Inventio encherá esta semana Pontevedra de circo, ilusionismo, danza, música "e moito máis"

Pontevedra
02 de novembro 2022

Trátase dunha proposta escénica galega de gran formato dirixida polo mago Martín Varela e inspirada no Camiño de Santiago. Brindará cinco funcións no Auditorio Sede Afundación Pontevedra entre os días 11 e 13 de novembro. Os billetes xa están á venda  

Espectáculo Inventio
Espectáculo Inventio / Vanessa Rábade

O espectáculo Inventio, dirixido polo mago Martín Varela, chegará durante tres días desta semana a Pontevedra cunha actuación na que mestura circo, ilusionismo, danza, música "e moito máis".

Trátase dunha proposta escénica de gran formato concibida para público familiar que ten programadas no auditorio sede Afundación cinco funcións entre o venres 11 e o domingo 13 de novembro.

Haberá unha sesión o venres ás 20.00 horas, dúas o sábado ás 17.00 e as 20.30 e dúas o domingo ás 12.00 e as 17.00 horas. 

Os billetes, que oscilan entre os 15 e os 25 euros, están á venda na web entradas.ataquilla.com e contemplan descontos para os usuarios do Carné Xove..

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros.

Trátase dun espectáculo futurista no que o patrimonio cultural do Camiño de Santiago adquire poder simbólico. Recrea o ano 2094 en Galicia, no último ano Xacobeo do século XXI e nun momento no que o mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado; o universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital; e a poboación deixa de sentir e de comunicarse.

"Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción", explican desde a organización. Nese futuro, unha compañía formada por un ilusionista, seis bailaríns e seis artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra, non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos e tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area.

Esa compañía circense teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual, o pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos e, finalmente, Inventio supón un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo.

Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado 'Triki' e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario.

Logo do seu paso por Pontevedra, a xira de Inventio proseguirá por Cáceres (26-27 novembro), Ourense (2-3 decembro), Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro).