Instalacións con códigos QR permitirán acceder a vídeos e audios escolares con lectura de obras de Rosalía

Barro
23 de febreiro 2022

O Concello de Barro con motivo do Día de Rosalía, establecido este 23 de febreiro, festexa esta data cunha selección de poemas na que participou o alumnado do IES e do Colexio de Barro que se poden ler na contorna da Biblioteca do municipio

Texto de Rosalía de Castro sobre unha pedra
Texto de Rosalía de Castro sobre unha pedra / Concello de Barro

A investigadora Sagrario Abelleira documentou queo día do nacemento de Rosalía de Castro era o 23 de febreiro de 1837 e non o 24 como ata o 2021 estaba establecido oficialmente. Por este motivo, este mércores de 2022 conmemórase o seu nacemento e o Concello de Barro, como vén realizando durante os últimos anos, celebra esta data con iniciativas nas que participa a comunidade escolar.

Para poñer en valor a obra e resaltar a súa imaxe, estudantes do IES e do Colexio de Barro realizaron unha selección de poemas da autora de 'Follas Novas' na contorna da Biblioteca do municipio. Ademais, o goberno local anuncia que nos próximos días instalaranse distintos códigos QR que, a través de dispositivos móbiles, permitirán enlazar os poemas con vídeos e audios realizados polos estudantes recitando poemas de Rosalía de Castro.

O Concello lembra que a escritora é unha pedra angular da cultura e da literatura galega e, grazas á súa obra, púxose fin aos Séculos Escuros iniciando a etapa do Rexurdimento da cultura en Galicia.

Nesta xornada realízanse numerosos actos en honra da poeta en diferentes puntos de Galicia, con lecturas, ofrendas florais e espectáculos para lembrar á escritora galega máis universal.