'Infermi d'amore' abrirá a tempada musical da Sociedade Filarmónica de Pontevedra

Pontevedra
15 de setembro 2024

Un problema de saúde dun dos seus integrantes impedirá ao ensemble Dás Kolorit dar o concerto de apertura o vindeiro xoves, día 19, no Teatro Principal tal e como estaba previsto inicialmente

Infermi d'amore
Infermi d'amore / Sociedad Filarmónica de Pontevedra

Un problema de saúde dun dos seus integrantes, impedirá o ensemble Das Kolorit dar o concerto de apertura da tempada musical da Sociedade Filarmónica de Pontevedra, tal e como estaba previsto.

Ante esta situación a xunta directiva da Filarmónica pechou como substituto o ensemble de música antiga Infermi d'amore, para un concerto que terá lugar o vindeiro xoves 19 de setembro (20.30 horas) no Teatro Principal.

Composta por dous violíns barrocos, violoncelo barroco e clave, Infermi d'amore ofrecerá un programa de música con obras de Vivaldi, Corelli e Veracini.

Trátase dunha formación fundada polo violinista Vadym Makarenko no 2019 a partir do entusiasmo e a paixón pola música antiga "creando un espazo de encontro de talentosos intérpretes de diversas culturas e traxectorias musicais", destaca a Sociedade Filarmónica.

Desde a súa fundación os seus concertos chegaron a importantes salas do territoio nacional así como a festivais europeos como o Auditorio de Madrid, o Espacio Turina en Sevilla, o Auditorio de Xirona, Schleswig-Holstein Musik Festival, FIAS (Festival Internacional de Arte Sacra), ou o VZLET Chamber Season de Praga, entre outros.