'Individuas de dudosa moral' abordará a represión da sexualidade feminina durante o franquismo

Pontevedra
19 de marzo 2022

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra vai celebrar o vindeiro 8 de abril as xornadas 'Individuas de dudosa moral' para poñer de manifesto a "represión da sexualidade feminina durante o franquismo"

Cartaz das xornadas 'Individuas de moral dudosa'
Cartaz das xornadas 'Individuas de moral dudosa'

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra vai celebrar o vindeiro 8 de abril as xornadas 'Individuas de dudosa moral' para poñer de manifesto a "represión da sexualidade feminina durante o franquismo".

A iniciativa a presentou este venres a deputada de Memoria Histórica María Ortega, que explicou que o obxectivo do departamento é volver abordar a memoria dende unha perspectiva de xénero, poñendo o foco nas mulleres, "xa que boa parte delas eran para o réxime "individuas de dudosa moral", tal como se recolle nas misóxinas sentenzas franquistas, por iso escollemos ese nome para as xornadas".

Destacou, ademais, que as mulleres foron as principais receptoras de castigos franquistas de marcado carácter sexista como a rapa do pelo, a tatuaxe da pel, a inxestión obrigada de aceite de rícino ou as agresións sexuais. Pero a represión foi máis alá "da violación das rojas", xa que "a Sección Feminina da Falanxe e a Igrexa marcaron as pautas do que debía ser a súa vida íntima, que non tiña máis finalidade que satisfacer as necesidades do varón". 

Para celebrar estas xornadas, no salón de plenos provincial xuntaranse algunhas das persoas que máis teñen traballado nesta temática e abordaranse aspectos como a vida íntima centrada na "satisfacción das necesidades do varón", o roubo de bebés, a persecución das mulleres lesbianas e o ‘Patronato de Protección a la Mujer’ como cárcere de "descarriadas", entre outras cuestións.

PROGRAMA

Os relatorios do día 8 os abrirá a historiadora María Victoria Martins falando de como a ditadura reprimiu non só ás vítimas directas, senón a todas, e dará paso a unha mesa redonda baixo o título 'O Patronato de Protección a la mujer: un cárcere para as descarriadas' que dirixirán a xinecóloga Enriqueta Barranco e a xornalista Llum Quiñonero, presidenta de Acción Ciudadana contra la impunidad del franquismo.

Outro dos temas das xornadas será o roubo de bebés, co que se abrirán os relatorios da tarde con Soledad Luque, presidenta do colectivo que engloba á maioría das vítimas é unha das principales expertas na materia e estará acompañada pola avogada da súa asociación. A deputada María Ortega explicou, de feito, que foi a solicitude dunha vítima viguesa, Marga Rodríguez, irmá dun bebé roubado, "a que nos convenceu da urxencia de celebrar estas xornadas con este tema".

O último relatorio das xornadas abordará a represión contra a sexualidade das mulleres, que permitirá tamén a coñecer de preto o padecemento que supuxo a ditadura para as mulleres lesbianas. O réxime unicamente contemplaba a sexualidade feminina como a obriga de satisfacer a necesidade do varón, polo que oscilou entre ignoralas e perseguilas. Nanina Santos, historiadora, cofundadora da Asociación Galega da Muller, integrante da equipa da revista Andaina e profesora de ensino medio xubilada, dará o seu testemuño.

A xornada pecharase coa proxección de documental 'Sacar a la luz' de "Art al Quadrat", no que se verá como o misóxino franquismo humillou ás mulleres do bando perdedor da guerra civil española, recuperando a memoria das vítimas a través das mulleres que as precederon con testemuñas de fillas e netas.

O programa poderá consultarse a través da seguinte ligazón. A entrada será de balde e a capacidade de 100 persoas, polo que para inscribirse haberá que cubrir este formulario.

Para quen non poida asistir presencialmente, a Deputación porá a disposición a súa canle de Youtube e o apartado de Memoria da web provincial na que farán unha retransmisión en liña en directo.