Inaugurase a exposición no Edificio Castelao das obras procedentes do espolio nazi

Pontevedra
25 de febreiro 2021

Actualmente a devolución destes cadros está en mans do Ministerio de Cultura xa que son reclamadas tanto polo Estado de Polonia como por familias que se consideran lexítimas propietarias das obras. Segundo os estudos encargados polo Museo, o autor destes traballos sería un discípulo do taller de Albrecht Bouts, fillo do pintor neerlandés Dieric Bouts

César Mosquera, vicepresidente da Deputación, observa as obras do expolio nazi
César Mosquera, vicepresidente da Deputación, observa as obras do expolio nazi / Rafa Estévez / Deputación de Pontevedra

Desde este xoves pódese visitar, atendendo a todas as medidas de seguridade sanitarias, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a exposición das obras que se atopaban nas dependencias desta institución procedentes do espolio nazi.

Esta mostra do díptico atoparase aberta ao público coa posibilidade de obter información sobre a orixe e a situación destes cadros a través dun código QR. Estas obras atópanse nun proceso de espera antes de ser restituídas aos seus orixinais propietarios, segundo explicaba o vicepresidente da Deputación César Mosquera. 

A Avogacía do Estado está a analizar esta situación en conexión co Ministerio de Cultura. O secretario xeral de Turismo mantivo unha conversación con Carmela Silva, presidenta da  Deputación, para tratar este tema e, segundo o vicepresidente, o Museo atópase ao dispor do que decidan e coa idea de que curiosos e amantes da historia aproveiten a oportunidade de visitar a mostra e contemplar estas obras.

Segundo explicaba José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra, esta institución encargou un informe á directora do Instituto Moll, centro de investigación de pintura flamenca, que descartou que a obra pertencese ao autor Dieric Bouts e sitúan a obra para mediados do século XVI, posiblemente realizada por algún discípulo que acudía ao taller de Albrecht Bouts, fillo de Dieric.

Nos arquivos do Museo non figura a quen adquiriu estas obras José Fernández-López. O Ministerio de Cultura ten datos de que se moveron primeiro en Barcelona e posteriormente no Mercado de Arte de Madrid a principios dos anos 70.

Rey sinala que nestes momentos a familia que demanda a autoría reclama como lexítima propietaria estas obras alegando unha normativa de carácter internacional, que establece unhas recomendacións non vinculantes. Pola súa banda, o Estado polaco atende a outras normativas europeas que afectan tamén a España desde 2017 na que se establece que a negociación sobre as obras de arte nestes casos débese de realizar directamente entre Estados. Neste sentido, o director do Museo explicou que nos últimos anos, grazas á posibilidade de acceder ás bases de datos en liña, prodúcense situacións deste tipo nas que diferentes Estados, como sucede no caso de Grecia ou Exipto, reclaman obras que se atopan en Museos doutros países.