Ata o 11 de setembro permanecerá aberta ao público a exposición Meu Pontevedra, inaugurada este martes no Sexto Edificio de Pontevedra. É a segunda mostra que organiza a entidade no marco do Ano Castelao e que, desta volta, rememora os tempos nos que o artista viviu en Pontevedra coincidindo co centenario da súa chegada á cidade.
Un dos grandes atractivos da mostra é que, noventa e dous anos despois, se expoñen os orixinais do Álbum Nós, entre eles estampas das que se perdera o rastro e que foron localizadas nunha colección particular.
Os orixinais contan cunha sala exclusiva no marco da mostra e constitúen unha parte esencial na proposta expositiva, que abarca entre os anos 1916 e 1936.
Deste xeito, esta nova exposición recolle o final da anterior, Castelao Artista, que remataba cos bocexos das estampas deste álbum. As tres salas de exposicións do Sexto acollen en diversos bloques temáticos e cronolóxicos o carácter multifuncional e poliédrico de Castelao.
Unha sala amosará a relación do autor coa cidade. As demais salas atenderán á faceta literaria do autor, así como á de caricaturista, poderán verse as súas colaboracións na prensa galega e madrileña do momento, e diversos documentos gráficos amosarán a súa evolución ideolóxica e política.
Meu Pontevedra, que foi inaugurada na data simbólica do 28 de xuño, día do plebiscito do estatuto de autonomía de 1936, conta cun cartaz que corresponde aos soportais da Praza da Ferraría, que Castelao realizou para inmortalizar a vista que tiña desde a ventá do seu despacho.