Inaugúrase unha exposición como antesala do encontro Pontevedra Literaria

Pontevedra
08 de outubro 2024
Actualizado: 19:33

A mostra é froito dun concurso no que resultaron gañadores catro artistas da provincia: Sofía Muñiz (de Cambados), Laura López (Marín), Ainhoa Lages (Pontevedra) e Daniel Jácome (Vigo)

Exposición de pintura do encontro Pontevedra Literaria
Exposición de pintura do encontro Pontevedra Literaria /

Ata o próximo 20 de outubro xa se pode visitar na entrada da zona acristalada do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a mostra de pintura que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha como actividade paralela ao encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, que se celebrará neste mesmo espazo o 17 e 18 de outubro. 

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e o deputado de Cultura, Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, inauguraron a exposición froito dun concurso público no que resultaron gañadores catro artistas da provincia: Sofía Muñiz Somoza (de Cambados), Laura López Ignacio (de Marín), Ainhoa Lage Moldes (de Pontevedra) e Daniel Jácome Rodríguez (de Vigo).

O vicepresidente Rafa Domínguez lembrou que a mocidade é o futuro da provincia e, por iso, "traballamos con forza para abrirlles o camiño e que poidan desenvolverse no noso territorio". 

O interese crecente nas categorías de traballo literario ou fotografía son a base de Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, no que se encadra a exposición.

"Convídovos a que non perdades nunca a liberdade para expresarvos a través das disciplinas artísticas", sinalou Domínguez aos artistas.

Pola súa banda, o deputado de Cultura, Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, desexou que estas actividades sexan "un trampolín nas vosas carreiras", que permita que "se vos abran moitas portas no eido da creación artística".

Os artistas seleccionados empregaron nos seus cadros técnicas como as de colaxe analóxico sobre lenzo, óleo, grafito sobre papel ou acrílico sobre lenzo.

A relación de obras expostas é a seguinte: "A sinalar a Ría" e "Simbiose", de Sofía Muñiz Somoza; "Rastro" e "Blur II", de Laura López Ignacio; "Vuela" e "Libre bajo el cielo", de Ainhoa Lage Moldes; e "Autopía (azul)" e Clash "(vermello)", de Daniel Jácome Rodríguez.