Ida Nielsen, Samantha Fish e Andrea Motis nun Festival de Jazz con marcado acento feminino

Pontevedra
21 de xuño 2022

Tras dous anos de ausencia, provocada pola pandemia da covid-19, o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra regresa para reclamar o seu espazo nas Festas de Verán de Pontevedra. Será, como se anunciou, entre os días 20 e 24 de xullo

Ida Nielsen
Ida Nielsen / Festival de Jazz de Pontevedra

Tras dous anos de ausencia, provocada pola pandemia da covid-19, o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra regresa para reclamar o seu espazo nas Festas de Verán de Pontevedra. Será, como se anunciou, entre os días 20 e 24 de xullo.

No seu regreso, ademais, os organizadores optaron por un cartel de artistas cun marcado protagonismo de grandes voces e artistas femininas, que serán maioría nesta edición.

Así, a saxofonista e cantante catalá Andrea Motis, a artista danesa Ida Nielsen e a compositora estadounidense Samantha Fish, unha das grandes referencias do blues e o rock actual, serán tres das súas grandes apostas.

O cartel da vixésimo oitava edición deste festival completarase cos concertos do quinteto liderado polo percusionista canadense Jeffery Davis e do músico portugués Andre B. Silva, segundo explicou a edil de Festas, Carme da Silva.

O concerto de Jeffery Davis Quartet abrirá o festival o mércores 20 de xullo. Ofrecerá un actuación que recolle a influencia no seu repertorio da música de cámara, os ritmos tradicionais e a sofisticación harmónica do jazz moderno.

Andre B. Silva, pola súa banda, actuará o 21 de xullo. No seu caso, o guitarrista e compositor portugués reúne a cinco mestres guitarristas do Porto e Galicia, un baixista e un baterista para proseguir a súa procura por sonoridades e lóxicas pouco exploradas.

O venres 22 será o día do concerto de Andrea Motis, cantante, compositora, trompetista e saxofonista, unha das artistas de jazz españolas de maior proxección internacional. Explora e mestura nos seus discos sonoridades como o funk, o jazz eléctrico ou o neo-soul.

O estilo de Ida Nielsen, entre o rhythm and blues moderno, o soul, o funk ou o hip hop, soará en Pontevedra o sábado 23, da man desta espléndida compositora e vocalista, que aposta por unha linguaxe musical propia e recoñecible.

O Festival de Jazz concluirá coa actuación da estadounidense Samantha Fish, para quen o blues eléctrico e o R& B son unha referencia constante na súa vida e na súa carreira, xunto coas influencias que teñen nela artistas como Prince ou R. L. Burnside.

Todos os concertos, que serán gratuítos, comezarán ás 22:30 horas e celebraranse na Praza da Ferrería. Ás 12:30 e ás 20.00 horas, animarán as rúas da cidade os integrantes da formación galega da Street Band Chivinjazz.