Iago Banet e Antilia poñen nome á primeira velada do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra

Pontevedra
04 de agosto 2024

A trixésima edición desta recoñecida proposta musical dos veráns na capital comeza este luns 5 de agosto na Praza da Ferrería e prolongarase ata o venres con seis concertos e sesións de jazz polas rúas a diario

Antilia
Antilia

A primeira das veladas reservadas na Praza da Ferrería para a 30 edición do Festival Internacional de Jazz e Blues ten dous nomes propios e ambos son galegos: Iago Banet dunha parte e Antilia por outro. 

Así este luns 5 de agosto o primeiro artista en ocupar este escenario ás 22.30 horas será Iago Banet que baseará a súa actuación no último dos seus álbums publicados en solitario: 'Tres', lanzado o ano pasado. Oriúndo de Compostela, reside en Londres desde 2014. Desde 2018 a súa traxectoria musical discorre en solitario con notable éxito, gañándose o apelativo de "o xenio galego da guitarra acústica" polas súas virtudes como guitarrista fingerstyle (toca unicamente cos dedos sen uso de púa).

Este 2024 en España sumaba catro nomeamentos nos Premios MIN: mellor canción do ano con 'Iago's guitar', Mellor Álbum de Música de Raíz e Mellor Artista co elepé 'Tres' que tamén tivo candidatura ao mellor deseño gráfico dun disco.

A diferenza do resto de concertos do ciclo, este primeiro continuará cunha segunda actuación e correrá a cargo dos pontevedreses Antilia, o dúo que crearon en 2014 José Churruca e María Costas. José, músico de sobresaliente dominio coa guitarra e María, artista multidisciplinar que pon voz á formación. Non será a súa primeira actuación neste Festival, xa que anteriormente tamén participaron na complicada e limitada edición de 2020. Xunto a eles estarán Jacobo González nos teclados, Carlos Braga ao baixo eléctrico e Miguel González na batería.

Ademais, este luns, do mesmo xeito que o resto de días do Festival, ás 12.30 e 20.00 horas haberá sesións de jazz polas rúas e prazas da cidade a cargo da Street Band Chivinjazz.