Marcel Gross, o pallaso que co seu peculiar estilo e co seu selo inconfundible marcou varias xeracións, volveu a entreter a pequenos e maiores en Pontevedra.
Fíxoo co seu último espectáculo, Particular, co que protagonizou as dúas sesións da penúltima cita do ciclo Domingos do Principal.
En Particular, o coñecido 'clown' catalán ofreceu unha montaxe no que mesturou a sensibilidade do pallaso, a reticencia do bufón e a comunicación do showman.
Todo iso a partir dun personaxe que garda a lúa nunha caixa de cartón e recolle aplausos, que chegou a Pontevedra para coller a realidade e transformala a través da risa e da imaxinación.
Domingos do Principal concluirá o vindeiro domingo 26 de novembro. Será co espectáculo No nos moverán da compañía Titiriteros de Binéfar.