Humor e moita reflexión social en Ponteatro coa obra "Nacidas libres"

Pontevedra
08 de marzo 2018

Con Nacidas libres, a nova montaxe teatral da compañía Contraproducións, regresou o ciclo Ponteatro. Centos de persoas encheron o patio de butacas do Teatro Principal para gozar cun espectáculo cunha marcada perspectiva de xénero

Representación da obra "Nacidas libres", no ciclo Ponteatro
Representación da obra "Nacidas libres", no ciclo Ponteatro / Diego Torrado

Con Nacidas libres, a nova montaxe teatral da compañía Contraproducións, regresou o ciclo Ponteatro. Centos de persoas encheron o patio de butacas do Teatro Principal para gozar cun espectáculo cunha marcada perspectiva de xénero.

A partir dunha noticia real, a liberación en Santiago de tres monxas retidas nun convento contra a súa vontade, Cándido Pazó creou un texto protagonizado por catro actrices que atravesan esas idades nas que corren o risco de desaparecer do mundo do espectáculo. 

Fartas de non recibir ofertas de traballo, deciden autoempregarse e montar unha peza. O guion encoméndanllo a unha nova escritora que vive emigrada e que repara nesa noticia.

A partir dela, van preparando un espectáculo no que, con rigor e obxectividade, pero con frescura, dinamismo, emoción e pinceladas de humor, ofrecen múltiples reflexións e referencias a diversos temas como a desigualdade, a ilusión da liberdade, os condicionantes da muller nas distintas culturas ou a emigración.

A obra, interpretada por Rocío González, Casilda Alfaro, Mónica Camaño e Susana Dans, adiantouse a este mércores, xa que a data inicial coincidía co 8- M, Día Internacional da Muller, no que o elenco da compañía secunda a folga feminista.

Ponteatro poñerá en escena unha última obra. Será Casa O'Rei, de Ibuprofeno Teatro, o xoves 3 de maio.