Homenaxe no Salón do Libro a Antonio García Teijeiro no Día da Literatura infantil e xuvenil

Pontevedra
03 de abril 2019

"Todos somos poetas", dixo o autor no acto celebrado no Pazo da Cultura onde recibiu de mans da concelleira de Cultura Carmen Fouces unha lámina orixinal de Marcos Viso, ilustrador de "Paseniño, paseniño", na que aparece retratado 

Homenaxe do Salón do Libro a Antonio García Teijeiro
Homenaxe do Salón do Libro a Antonio García Teijeiro / Mónica Patxot

O Salón do Libro festexaba este martes a celebración do Día Internacional da Literatura infantil e xuvenil. O Seminario Permanente de Jazz e as actrices María Lado e Lucía Aldao ofreceron o espectáculo orixinal e exclusivo 'Po e Xía'.

Durante a mañá, máis de medio milleiro de estudantes asistían a esta función teatral mentres que pola tarde, o espectáculo incluía a homenaxe ao autor Antonio García Teijeiro.

A concelleira de Cultura Carmen Fouces dirixíase ao público lembrando que este martes tamén se celebraba o Día Internacional do Autismo e quixo mencionar que esta edición do Salón dedicada á revolución era necesario recoñecer o traballo creativo de Antonio García Teijeiro, un poeta incansable na loita diaria por reivindicar a poesía para escolares.

O amigo persoal do homenaxeado, Xavier Senín, relatou anécdotas da súa etapa xuvenil con García Teijeiro, que tiña un espíritu deportista e practicaba balonmán. David Otero, Eva Mejuto e Raquel Mera agradeceronlle ao escritor vigués por "alimentarnos coa túa poesía".

No acto participaron varios escolares integrantes da Biblioteca Carabuñas de Monte Porreiro, que leron poemas de Teijeiro, traducidos simultaneamente á lingua de signos.

A concelleira Carmen Fouces entregou finalmente ao autor homenaxeado unha lámina-retrato orixinal de Marcos Viso, ilustrador de 'Paseniño, paseniño'. O poeta agradeceu ao profesorado de Pontevedra que teñan traballado a súa obra nas aulas e agradeceu a Paco Ibáñez, Alberti, Lorca, Machado, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferrerio a influencia que exerceron para desenvolver a lírica ou a Manuel María por indicarlle o camiño e facerlle seguir "o ronsel". García Teijeiro concluíu cunha máxima: "Todos somos poetas".