Hai paralelismos entre as historias de Xesucristo e E.T.? Manel Loureiro explícao no Salón do Libro

Pontevedra
24 de marzo 2015

Este martes un cento de estudantes de Secundaria mantiveron un encontro co escritor pontevedrés Manel Loureiro. O autor, coñecido mundialmente pola saga de zombis ⿿Apocalipsis Z⿿, explicoulles a ⿿Teoría de Gozzi⿿, un filósofo italiano do século XVIII que mantiña que 36 son todas as historias que se poden chegar a contar

Encontro de Manel Loureiro con escolares no Salón do Libro
Encontro de Manel Loureiro con escolares no Salón do Libro

Tres actrices para dar vida a oito personaxes. Noelia Fernández, Areta Bolado e Ailén Kendelman son as protagonistas absolutas da obra de teatro Pan! Pan!, que A Panadaría interpretará este venres 27 de marzo no Pazo da Cultura da man do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Será a partir das 21.00 horas no auditorio das instalacións pontevedresas.

"Gústanos actuar ante diferentes tipos de público. O Salón do Libro permítenos chegar ao familiar e esta é unha peza xestual adecuada para nenos a partir dos oito anos. O interesante é que segundo a idade vai ser interpretada dun ou doutro xeito. O que tratamos é de xogar con distintos niveis de humor", asegura Noelia Fernández nunha visita previa ao Pazo da Cultura.

O máis orixinal de Pan! Pan!, e tamén o máis complicado para as súas intérpretes, é a súa posta en escena, "xa que só contamos cunha cinta e unha bandeira dos Estados Unidos". "Todo o temos que facer nós, xa que tampouco hai música. Todos os sons son vocais: a guitarra, o banjo...".

Ao tratarse dunha obra xestual, son as tres actrices as que o fan todo cos seus corpos, recrear os espazos e os ambientes, cinco en total, contando coa imaxinación do espectador. Pan! Pan! leva en escena dende setembro de 2013, momento no que se estrou e xa ten tras de si un premio, o Xuventude Crea, do que se fixo merecedora pola súa orixinalidade.

Noelia Fernández anima ao público pontevedrés a que se achegue a gozar da obra porque "o van pasar moi ben, vanse rir porque é un espectáculo moi amable para o espectador, moi estimulante porque ten que imaxinar moito. Esa mestura das culturas galega e estadounidense dá moi bo resultado".

As entradas están á venda a través de www.ataquilla.com.

ENCONTRO CON MANEL LOUREIRO

Ademais, este martes un cento de estudantes de Secundaria mantiveron un encontro co escritor pontevedrés Manel Loureiro. O autor, coñecido mundialmente pola saga de zombis Apocalipsis Z, explicoulles que o seu "é o mellor traballo do mundo porque a xente paga por ler o que eu soño. E é o peor porque cando necesito axuda, non hai ninguén que me poida axudar".

O escritor fixo que a súa conferencia no Salón do Libro contase coa participación activa dos estudantes, animándoos a responder a preguntas sobre os seus hábitos de lectura ou de visionado de películas e series de televisión. "Vexo que gaña o cine sobre a literatura", recoñeceu ao ver todas as mans dos asistentes erguidas.

Os rapaces coñeceron co autor de El último pasajero a ⿿Teoría de Gozzi⿿, un filósofo italiano do século XVIII que mantiña que 36 son todas as historias que se poden chegar a contar. Para que o comprenderan púxolles varios exemplos, como o paralelismo entre as personaxes de Xesucristo e E.T, o extraterrestre, "chegados ambos á terra con fins pacíficos", ou as similitudes de La guerra de las Galaxias, El señor de los anillos ou Harry Potter, que se poden sintetizar baixo o concepto "o camiño do heroe".