Habilitan unha web para enviar as propostas para o premio literario Pinto e Maragota

Pontevedra
01 de abril 2020

Ata o 23 de abril está aberto o prazo para a recepción dos traballos que queiran participar na primeira edición do premio literario Pinto e Maragota, o único que existe actualmente en Galicia en materia de diversidade sexual e afectiva

Libros
Libros / Eli Digital Creative / Pixabay

Ata o 23 de abril está aberto o prazo para a recepción dos traballos que queiran participar na primeira edición do premio literario Pinto e Maragota, o único que existe actualmente en Galicia en materia de diversidade sexual e afectiva. 

Coincidindo coa conmemoración do Día do Libro LGTBI, que se vén celebrando dende hai uns anos cada 1 de abril, a concellería de Igualdade de Pontevedra acaba de habilitar un enlace que permite presentar a través de correo electrónico as obras a concurso.

Todos aqueles interesados en concorrer neste certame, organizado polo Concello de Pontevedra en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, disporán así dunha alternativa á correspondencia ordinaria para facer chegar ao Centro de Información á Muller os orixinais dos seus traballos, evitando desprazamentos e expoñerse a posibles contaxios.

A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, anima aos autores que queiran "visibilizar e dignificar" a diversidade sexual e de xénero e que aínda non remitisen os seus traballos a aproveitar a situación na que nos atopamos "para concentrarse na escritura".

A este premio, que está dotado con 3.000 euros, pode concorrer calquera autora ou autor maior de idade, de calquera nacionalidade, que presente un texto escrito en lingua galega conforme á normativa oficial, establecida pola Real Academia Galega (RAG).

As obras presentadas deben ser orixinais e inéditas, tendo presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero: orientación sexual e/ou identidade de xénero.

O xénero literario das obras presentadas poderá ser novela, teatro ou poesía, tanto para público infantil e xuvenil como adulto

O traballo premiado será publicado por Edicións Xerais de Galicia, que asinará coa gañadora ou gañador un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual.

O xurado estará composto por tres persoas competentes na materia, dúas designadas polo departamento municipal de Igualdade e outra a proposta da compañía editorial.