A Grândola Vila Morena volverá soar en Pontevedra o 25 de abril

Pontevedra
11 de abril 2025

Este venres 11 na Casa das Campás haberá unha palestra da man do coronel José Adelino Castro Carneiro e o profesor Manuel Loff. O luns 28 están previstos os relatorios de Alberto Pena e Jacinto Godino

'Grândola, Vila Morena' resoa na Boa Vila na conmemoración da Revolución dos Caraveis | ARQUIVO
'Grândola, Vila Morena' resoa na Boa Vila na conmemoración da Revolución dos Caraveis | ARQUIVO / Mónica Patxot

Pontevedra volverá sumarse á conmoración da revolución do 25 de Abril de 1974 en Portugal, coñecida popularmente como a Revolução dos Cravos.

Baixo o ciclo '25 de abril, sempre', o Ateneo de Pontevedra organiza, en colaboración co Concello, un ciclo de palestras e unha cantata comunal e pública da Grândola Vila Morena. 

Será o propio día 25 de abril cando volva soar a Grândola Vila Morena na cidade, cunha cantata conducida polo musicólogo Nelson Quinteiro ás 19.30 horas na escaleiras do Teatro Principal

Os actos xa se iniciarán antes, este venres 11 de abril, con dúas palestras a partir das 19.00 horas na Casa das Campás. 

Unha será 'Operación Viragem histórica no Porto', que contará coa presenza dunha figura relevante no que foi este proceso histórico no norte de Portugal, o hoxe coronel retirado Jose Adelino Castro Carneiro.

A outra palestra será 'Do verán quente á Contrarrevolución', da man do profesor titular de historia contemporánea no departamento de historia e estudos políticos e Internacionais da facultade de Letras da Universidade de Oporto, e investigador senior no Instituto de Historia Contemporánea Manuel Loff.

Como peche dos actos, o luns 28 de abril, tamén na Casa das Campás, ás 19.00 horas, haberá outra dobre cita.

Incluirá a palestra 'Portugal 1975, un país dúas Revolucións', co xornalista da RTP (Rádio Televisão Portuguesa) e profesor na Universidade Lusófona de Lisboa Jacinto Godino.

A programación complétase coa palestra 'A recepción da Revolución dos Caraveis na diáspora', da man do profesor da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra Alberto Pena.