Non hai verán sen o Surfing the Lérez. Un ano máis, esta cita musical volve marcar o inicio da tempada estival en Pontevedra. A Illa das Esculturas será de novo o escenario para un evento que se celebrará os días 14 e 15 de xuño e que promete regresar ás súas orixes.
Coa súa esencia intacta -entrada libre, ambiente diverso e familiar e unha programación musical ecléctica e con marcado selo galego-, o festival chega a súa décimo terceira edición e promete ao público darlles dous días intensos de música, baile e lecer.
Para a súa edición de 2024, o Surfing the Lérez recupera a súa colaboración co artista pontevedrés Santiago Paredes para o deseño do seu cartel, que volve estar protagonizado polo seu personaxe máis emblemático, o crocodilo, que "saiu do Lérez rachando os muros".
Así o destacaron o edil responsable da área de festas, Demetrio Gómez, e o director do festival, Marcos Rivas. "É o festival que caracteriza a Pontevedra, o festival que só se pode facer en Pontevedra porque podemos estar na rúa e pode ser de balde", engadiu o concelleiro.
Aos artistas xa anunciados previamente, como The Rapants, Niños Mutantes, Atención Tsunami, Juno, Javier Lago, Los Marcianos, Lady Banana ou Hydn, sumaranse bandas que pasaron pola Sala Karma, á que se renderá homenaxe, grupos consolidados e propostas emerxentes.
Entre as novas confirmacións anunciadas este venres, no marco da presentación do festival, atópanse referentes musicais como Grande Amore, Ortiga ou Joe Crepúsculo.
"Esta é unha edición especial para nós, porque é a edición Sala Karma", sinalou Rivas, que confía en que este emblemático establecemento poda volver abrir moi pronto. "Estamos niso xa", avanzou. Mentres tanto, a programación do festival estará baseada "nos principios de Karma".
Así, o cartel provisional, ao que se engadirán máis artistas en próximas semanas, mostra que o venres 14 actuarán Chef Creador, Hydn, Juno, Galician Army, Javier Lago, Grande Amore, Djow, Neno Tribal, Meu Cariño e La Suprema.
O sábado 15, pola súa banda, animarán a xornada central os concertos de The Rapants, Atención Tsunami, Niños Mutantes, Joe Crepúsculo, Gorllitox, Los Marcianos, Meu, Lady Banana, Camellos, Ortiga, Señora DJ, Karma DJs, Baby Romeo, BB Wav + Elba, Parking Dust e Maefield.
Haberá de novo catro escenarios, unha zona gastronómica, barras de bebidas e un posto de recollida de alimentos, onde se poderán depositar os alimentos non perecedoiros que, como é habitual, pódense entregar á organización como entrada simbólica.
A programación do Surfing the Lérez completarase cunha zona infantil, na que se celebrará un entroido, ou un mercado emerxente, no que haberá produtos artesáns e de proximidade.