'Ghallufadas' promoverá en abril o uso do galego a través de xogos

Bueu
28 de marzo 2023

A Praza Massó de Bueu vai acoller xogos de mesa e de rol, ademais de charlas, durante a fin de semana do 22 e 23 de abril

Cartel de Ghallufadas
Cartel de Ghallufadas / Concello de Bueu

Os departamentos de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Bueu, a través do programa 'Bueu e a fala', poñerán en marcha actividades de promoción da lingua galega durante a fin de semana do 22 e 23 de abril na carpa situada na Praza Massó.

Este evento, denominado Ghallufadas, ofrecerá xogos de cartas e de rol, ademais de charlas aos asistentes coa intención de fomentar o intercambio xeracional e chegar á poboación xuvenil.

A carpa permanecerá aberta desde as 11.00 ata as 21.00 horas con torneos de Warhammer; Kill Team; Rabbitz and Robots; Magic: Pioneer; Spanta; Magic: Duel Commander; Magic: Oathbreaker; e Ti non es de aquí?

Ofreceranse tamén modalidades para persoas adultas e júnior, segundo indican desde o Concello de Bueu, dalgúns destes torneos. 

A primeira edición desta cita cultural presentará tamén a creación dun xogo de rol baseado no libro 'Travesía por tres momentos da historia de Bueu', coa intención de fomentar o coñecemento sobre a historia da vila a través da salgadura, o Bueu Romano e Ermelo.

Tamén se realizarán charlas con persoas do sector como Corvus Belli, empresa local que explicará como publicar xogos a través do sistema de mecenado. Participarán, ademais, Ozocog e a ilustradora Lorena Gestido analizando a edición de xogos en galego e a creación e deseño de xogos de mesa, respectivamente.

Durante as dúas xornadas vai establecerse unha zona libre de xogos de mesa para todas as persoas interesadas en participar.

Está previsto que se anuncien todas as actividades e novidades na conta de Instagram de 'Bueu e a fala'.