García Teijeiro, autor homenaxeado no Salón do Libro: "A poesía é fundamental para o desenvolvemento infantil"

Pontevedra
26 de novembro 2018

Antonio García Teijeiro, premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, será presentado como autor referente da vindeira edición do Salón do Libro no Culturgal este domingo ás 12.00 horas

Carmen Fouces, concelleira de Cultura, co escritor Antonio García Teijeiro
Carmen Fouces, concelleira de Cultura, co escritor Antonio García Teijeiro / PontevedraViva

A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, e o escritor Antonio García Teijeiro falaban este luns da homenaxe que este autor, premio nacional de literatura infantil e xuvenil polo seu libro 'Poemar o mar', recibirá durante a próxima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil que se celebrará durante o vindeiro ano.

Fouces sinalaba a importancia de destacar o labor deste poeta porque entende que nestes tempos a poesía provoca un cambio revolucionario. Destacou a enorme actividade creativa do escritor de 'Os peixes de cores' ao que calificou de polifacético, "un home do Renacemento", apuntou destacando o seu traballo como tradutor, editor, blogueiro ou como ocasional cantante con Paco Ibáñez. García Teijeiro sinalou que tamén foi xogador da Sociedade Deportiva Teucro durante catro anos na etapa en que estudaba Maxisterio na Boa Vila.

O poeta afirmou que se atopa moi vencellado á Pontevedra, "cidade que admiro, que quero, que considero miña" e destacaba a capacidade que acubilla o Salón do Libro para poñer en valor a literatura galega e abrirse a outras culturas. "É algo fascinante", asegurou.

Neste sentido, o poeta vigués afirmou que a poesía ten que ver moito coa revolución xa que pode cambiar o mundo modificando os pequenos espazos individuais. Cre que a poesía é fundamental para a sociedade e para o desenvolvemento infantil. "É unha irmá pobre da literatura, pero a máis requerida cando as cousas non van ben", asegura.

Antonio García Teijeiro, sobre o que xirarán diversas actividades no Salón do Libro 2018 onde contará cunha homenaxe o 2 de abril, indica tamén que durante a súa etapa como docente comprobou como algúns alumnos modificaron o seu comportamento grazas á poesía e sostén que aos menores lles encanta a poesía. "Non lle encanta aos adultos... porque lle teñen medo", sentenciou.

O poeta será presentado este domingo ás 12.00 horas como autor homenaxeado no Salón do Libro durante a celebración do Culturgal no Pazo da Cultura.