A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva recibiu este luns no Pazo Provincial a Guillermo García de da Riega Bellver, que lle fixo entrega dun libro de recompilación de artigos publicados en PontevedraViva nos que trata a orixe galega de Cristóbal Colón, baseándose na teoría orixinal do seu bisavó, Celso García de la Riega, que data do ano 1898.
Máis polo miúdo, Celso García de la Riega presentou nunha conferencia no ano 1898 a súa teoría sobre a orixe de Cristóbal Colón, na que cuestionaba que fose xenovés, expoñendo os documentos encontrados en Pontevedra co apelido de Colón.
Esta teoría tivo un gran éxito que posteriormente ampliou Celso García de la Riega coa publicación do libro "Colón Español, Origen y patria". Actualmente, aínda hai investigadores e historiadores que sosteñen e seguen a afondar na veracidade destes datos.
Unha das hipóteses sostén que Cristóbal Colón se identifica co nobre pontevedrés, Pedro Álvarez de Sotomayor, máis coñecido como "Pedro Madruga", co cal concorda en identidade e paralelismo de vidas.
Neste eido, a Deputación de Pontevedra, deixa aberta esta hipótese no mapping que se proxecta no Castelo de Soutomaior trala súa musealización. Ademais, este ano e no marco das visitas teatralizadas ao propio castelo, nas que a través de personaxes caracterizados se expón dunha forma dinámica e innovadora parte da historia de Galicia, foi protagonista Teresa de Távora, a muller de Pedro Madruga.